CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia trunfa en Sao Paulo nos primeiros concertos da súa xira

13/09/2006 A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa xira por Latinoamérica con dous concertos en días consecutivos na cidade brasileira de Sao Paulo, dentro do ciclo organizado pola máis prestixiosa sociedade de cultura artística do país. Este ciclo está considerado entre os máis importantes de América Latina e, ademais da Real Filharmonía, conta coa participación esta tempada de Ilan Volkov coa Orquestra da BBC, Vadim Repin, Alte Musik Berlin, ou Les Musiciens du Louvre, entre outros.

A orquestra arrincou no primeiro dos dous concertos coa obra do compositor galego Juan Durán e as variacións sobre un tema de Sorozábal, cunha magnífica acollida de público. O resto do programa, a petición dos organizadores, centrouse na figura de Manuel de Falla, do que a formación interpretou as súas obras máis destacadas: "Noches en los jardines de España", "El sombrero de Tres picos" e "Amor brujo". A reacción do público, que ocupaba as 1.200 localidades do Teatro de Cultura Artística, foi calorosa. Tras un bis que preparou a Filharmonía dunha peza de Zarzuela, "La Tarántula de la Tempranica", o público ovacionou en pé á orquestra e ao seu director titular Antoni Ros Marbà. No segundo concerto interpretou a Arriaga ("Obertura de los esclavos felices") e a Beethoven ("Concerto para piano nº 4 Vida Cotidiana").

A Real Filharmonía prosegue coa súa xira por Latinoamérica, viaxando a Bos Aires, onde o xoves 14 ten previsto o seu primeiro concerto en Rosario.

Compartir: