CULTURA

Roi F.F. estrea "1. Who is inside the camera?" dentro do Bono de Teatro Galego

24/02/2015 Who is inside the camera? é unha peza escénica que explora a capacidade de relación do individuo consigo mesmo e co mundo. O salto de consciencia do ser humano coa linguaxe, a lóxica e a razón permítenos imaxinar e abstraer, e tamén nos fai pensar que somos unha persoa, única e individual. Poderemos ver a súa estrea absoluta este mércores e de novo xoves e venres, ás 20:30 horas, na Zona C, dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués.

A través da tecnoloxía (cámaras, sensores, micrófonos, luces…), da danza e o movemento, da beleza do pensamento, o artista constrúe unha arquitectura escénica que procura afondar na natureza do individuo, elaborando una dramaturxia resoante e especular que achega ao espectador a unha experiencia que no alcanza a palabra, unha pegada inefable imposible de explicar.

Roi F.F. é un artista nado en Lugo que actualmente vive e traballa en Santiago de Compostela. Está formado en Enxeñaría Química, é Licenciado en Comunicación Audiovisual pola USC e Titulado en Formación Actoral pola Escola de Teatro e Danza Espazoaberto de Santiago de Compostela, onde tamén se instrúe en danza contemporánea e clown.

É colaborador habitual de Carlos Neira, artista en cuxas pezas intervén e nas que tamén se ocupa de todo o traballo audiovisual. Participou nunha serie de curtametraxes como actor, para finalmente perfilar o seu interese cara a traballos cun carácter decididamente artístico. Destacan as intervencións coma performer nas accións Acción#2, Provisional Time e Corporal (je t’aime), e xa como procesador en 1 Máis 3, primeira peza do proxecto de artes vivas Radicales Libres, de Carlos Neira.

Compartir: