CULTURA

María Fernanda D’Ocón e Carlos Manuel Díaz protagonizan "Juntos y separados"

20/02/2015 En breve presentarase a programación do ciclo Teatro 2015 para os vindeiros meses, pero está xa confirmada unha proposta para o 7 de marzo. Trátase da obra de Francoise Dorin Juntos y separados, que protagonizarán María Fernanda D´Ocón e Carlos Manuel Díaz baixo a dirección de Ángel Fernández Montesino.

Juntos y separados chegará a Compostela o 7 de marzo, ás 20:30 horas, ao Auditorio Abanca. As entradas poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443 a un prezo de 18 euros (patio de butacas A e anfiteatro 1); 16 euros (patio de butacas B) e 14 euros (anfiteatro 2). O mesmo día do evento poderán mercarse tamén no despacho de billetes do Auditorio Abanca dende as 18:30 horas.

Xuntos?, separados? Amor aos setenta anos de idade?, medio amor? Media amizade?... A autora do texto, Francoise Dorin, achega solucións a través dunha comedia de agora, pero como as de antes. Teatro de calidade, para escoitar, divertirse e por que non? Emocionarse!

Juntos y separados é a máis recente adaptación de texto de Ángel Fernández Montesino. Estreado en Francia, conta como unha vez máis a casualidade intervén e decide que unha parella que vivía coa completa seguridade de non volver a encontrase, volva reencontrarse. Os dous con distintos caracteres, estilos, e afeccións, pero a pesar de todo e do seu carácter independente, o tempo e os seus ritmos uniraos.

Francoise Dorín. Esta famosa autora de teatro nace en París e é filla do "chansonier" René Dorin. Durante tres anos actúa nos espectáculos do seu pai no teatro Deux Arts. Pronto colabora con grupos musicais como Les Compagnon de la Chansón• En 1966 comeza a escribir letras de cancións de éxito universal como "Que c´e triste Venise", de Charles Aznavour, e a partir deste triunfo compón para Patachou, Dalida, Gquetari e, dende 2002, cancións para Celine Dión. Francoise Dorin está considerada pola súa gran traxectoria dramática como a raíña da comedia de "boulevard". As súas comedias foron traducidas a varios idiomas.

O seu último éxito é Juntos y separados. En España podemos lembrar algún dos seus títulos emblemáticos estreados con gran éxito como La factura, Com.

Ángel Fernández Montesino. Escribe e dirixe grandes éxitos do teatro musical. Na pasada tempada estrea no Teatro Español de Madrid a comedia Las de Caín, e o verán pasado nos Xardíns Sabatini unha nova versión de La verbena de la paloma. É director de comedias de éxito como La mamma, Pato a la naranja, Maribel y la extraña familia, La duda, Filomena Marturano...

Como director do Teatro da Zarzuela, dirixe de 1965 a 1970, títulos do repertorio lírico e óperas. É director da compañía lírica Isaac Albéniz e das tempadas líricas do Centro de la Villa. Dirixe o Teatro Nacional de Caracas, montando 14 títulos de zarzuelas e operetas. De 1962 a 1977 dirixe o Teatro Nacional de Juventudes. Inaugura as xornadas de Teatro Clásico de Almagro con El castigo sin venganza e Auto de Juan de la Encina. Medalla de Bellas Artes, premio Nacional de Teatro, Medalla de Oro de Valladolid, premio Segismundo. Presidente de Honra e socio fundador da ADE (Asociación de Directores de Escena).

María Fernanda D’Ocón. Nace en Valencia. Actriz eminentemente teatral e cunha traxectoria igualmente sólida en televisión, as súas aparicións en cinema foron moito máis puntuais (nove títulos ao longo de corenta anos). Estivo casada co director de escena Mario Antolín. Considerada unha das grandes damas da escena en España, primeira actriz durante dez anos do Teatro Nacional María Guerrero e galardoada co premio Mayte de Teatro, dúas veces co premio Nacional de Teatro, outras dúas co premio Miguel Mihura (1988 e 2001) e unha vez co premio Memorial Margarita Xirgu (1973). Medalla de ouro de Bellas Artes 2002, medalla ao Mérito Cultural da Generalitat Valenciana 2003, filla predilecta de Valencia 2003. Comeza a súa actividade artística no T.E.U. e debuta profesionalmente coa obra Maribel y la extraña familia, de Miguel Mihura. Está considerada como unha das pioneiras da televisión en España.

Carlos Manuel Díaz. Actor de teatro, sobe a escena con Los hombres no mienten, Patético jinete del rock and roll, La duda, El castigo sin venganza, La locura de don Juan, El público, Yerma, Mariana Pineda, etc. En televisión traballa en series como Ciega a citas, Gran hote, Tierra de lobos, Hospital Central, El comisario, etc. En cinema foi candidato ao Goya 2012 por El nombre de las mariposas, e ten traballado en filmes cos directores Benito Zambrano, Daniel Calparroso, Gerardo Herrero, Vicente Aranda ou Mario Camus, entre outros.

Compartir: