XUNTA DE GOBERNO

Douscentos mil euros en axudas para rehabilitar 21 vivendas no Casco Histórico

20/02/2015 A Xunta de Goberno aprobou o programa e o borrador do acordo que regulará as novas liñas de axuda para rehabilitación de vivendas no ámbito da Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico. Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, o Concello asinará este documento co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), dando así continuidade á figura das áreas de rehabilitación e permitindo aos posibles beneficiarios acceder ás novas liñas de financiamento previstas polo Ministerio de Fomento no marco do Plan estatal de fomento do alugueiro de vivendas, rehabilitación edificatoria e rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

"Tendo en conta que estas axudas van dirixidas a actuacións incluídas en convenios anteriores xa cualificadas provisionalmente e que aínda non se teñan xustificado, neste caso ao Concello de Santiago só lle afecta a unha fase, a número 13, incluída nun convenio de 2011, xa que as actuacións incluídas nos ámbitos de Vista Alegre e de Pontepedriña foron xa todas xustificadas", explicou o alcalde.

Esta fase 13, que vai ser obxecto do novo convenio para a anualidade de 2015, inclúe a rehabilitación de 21 vivendas, cun custo total de 425.846 euros, para a que o Ministerio de Fomento achega axudas por importe de 124.938 euros, a Xunta 67.011 euros e o resto correspóndenlles aos particulares que acometen as obras.

Dentro do convenio inclúese tamén unha axuda de 10.500 euros (500 € por vivenda) para financiar o custo dos equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social, que afronta o Concello de Santiago e que supón un custo total de 225.434 euros.

En total, o acordo recolle unha achega das tres administracións de 417.383 euros, que xunto coa achega dos particulares beneficiarios supón a mobilización de 651.281 euros.

Urbanización do SUNP-31 de San Marcos
Seguindo con temas urbanísticos, a Xunta de Goberno declarou o incumprimento do deber de urbanizar da Xunta de Compensación do SUNP-31 de San Marcos. En consecuencia, acordouse a execución do aval de 507.100 euros depositado, equivalente ao 20% do importe da contrata da obra de urbanización cuxo proxecto fora aprobado pola Xunta de Goberno Local en maio de 2004.

Deste xeito, será o Concello co aval achegado no seu día o que proceda a garantir a realización das obras no conxunto deste ámbito de San Marcos, de conformidade coas condicións establecidas no texto do propio aval e nas licenzas de edificación outorgadas.

Administración electrónica
Tamén en relación á área de Desenvolvemento Urbano Sostible, a Xunta de Goberno aprobou acordo a subscribir coa Xunta de Galicia e coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que permitirá ao Concello de Santiago, sen ningún custo, acceder ás funcións das solucións tecnolóxicas para a administración electrónica que en outubro de 2013 acordaron as administracións estatal e autonómica.

Esas funcións atinxen ao emprego da plataforma de validación e sinatura electrónica @firma; ás comunicacións electrónicas entre administracións para intermediación de datos, sistema de interconexión de rexistros e intercambios de información a través do portal de Comunidades Autónomas; á notificación por medios electrónicos, a través do enderezo electrónico habilitado e o catálogo de procedementos do servizo de notificacións electrónicas; e á participación na rede de comunicacións das Administracións públicas españolas, coñecida como Rede Sara.

Documentos relacionados



Compartir: