ALCALDÍA

Agustín Hernández resalta a orixinal estética da obra de Leopoldo Nóvoa, un dos referentes da arte contemporánea en Galicia

19/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou a mostra Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns. A exposición permanecerá aberta no Auditorio de Galicia ata o mes de xuño todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 h. Unido á mostra, haberá un programa didáctico que desenvolverá talleres o mes de febreiro e visitas guiadas ata a clausura da mesma.

Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns é unha exposición dedicada á obra deste artista falecido hai tres anos en París e un dos representantes máis destacados da arte máis actual en Galicia. "Non é, certamente, a primeira vez que se expón a súa obra en Compostela, posto que nestas mesmas paredes do Auditorio xa se puido contemplar parte da súa obra en 1993; e tres anos despois, o Centro Galego de Arte Contemporánea acollía unha retrospectiva para apreciar a súa traxectoria -lembrou o alcalde- pero si se trata da primeira nun equipamento público dende a súa perda en febreiro de 2012".

A exposición que acolle o Auditorio de Galicia achéganos a unha parte da extensa produción dun creador que traballou e investigou en soportes e técnicas diferentes que constitúen o seu mundo creativo e expresivo. A relevancia desta mostra vén de contemplar como este autor articula e pon en valor, ao longo da súa traxectoria, soportes como o gravado nas súas diferentes técnicas.

Así, a liña de traballo que propón a comisaria, Mercedes Rozas, pasa por traer á sala de exposicións máis de 50 obras en papel e cartón (probas de autor, gravados, pochoirs, técnicas mixtas sobre papel etc..), moitas delas inéditas. A cita complétase con poemas de Catherine Topall, escritos para o libro Temps de soufre, ilustrado polo propio Leopoldo. De igual xeito, un poema do propio artista, escrito a modo de despedida e atopado recentemente por Susana Carlson nun libro en Armenteira, inicia o percorrido expositivo.

Para Agustín Hernández, esta mostra "é unha oportunidade para afondar no traballo creativo menos coñecido" de Leopoldo Nóvoa, do que repasou toda a súa traxectoria. Do artista, o alcalde valorou "unha estética orixinal que o levou a ser considerado un dos referentes da arte contemporánea, con traballos expostos en moitos museos europeos e latinoamericanos". A súa produción, engadiu, "conserva toda ela a pegada orixinal e diversa dun artista viaxeiro".

Agradecemento á familia do artista
Malia gozar de numerosos recoñecementos, insistiu, "a obra de Leopoldo Nóvoa precisa ser divulgada para que poida ser axeitadamente valorada por todos". De aí o impulso a unha mostra que, segundo recalcou Agustín Hernández, "nace da xenerosidade da súa viúva Susana, da súa filla Sabela, da achega de coleccionistas particulares e do traballo dirixido por Mercedes Rozas, quen unha vez máis nos dá a oportunidade de seguir coñecendo e valorando a un dos artistas que facendo arte, axudan a mellorar e engrandecer as persoas, as cidades e os países".

Ao acto de inauguración da exposición, celebrado no Auditorio de Galicia, asistiron tamén a concelleira de Cultura, María Antón; a viúva do artista, Susana Carlson; a comisaria da exposición, Mercedes Rozas; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

Compartir: