CULTURA

Dezasete procesións, música e liturxia na Semana Santa de Santiago de Compostela

19/02/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, presentou en rolda de prensa o programa da Semana Santa 2015, que arrancará o 20 de marzo co tradicional pregón. Serán 17 as procesións que desfilarán polas rúas compostelás, complementadas por diversos actos litúrxicos e concertos especiais no marco da celebración do V centenario do nacemento de Santa Teresa de Jesús.

O pregón que dará inicio á Semana Santa terá lugar o venres 20 de marzo, ás 20:00 horas, no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. Modesto Luis Gómez, presidente da Irmandade de Estudantes será o encargado deste pregón, acompañado musicalmente pola Banda Municipal de Música de Santiago e pola Banda de Cornetas e Tambores da Nosa Señora da Misericordia de Viveiro.

As procesións comezarán o venres de Paixón, o 27 de marzo, coa saída da procesión da Virxe das Dores, ás 21:00 horas, dende a igrexa de San Miguel dos Agros, a onde regresará realizado o percorrido.

O 29 de marzo, Domingo de Ramos, sairá e volverá a San Francisco, tras ir ata a praza do Obradoiro, a procesión da Entrada en Xerusalén (10.45 horas). Esta mesma xornada terá lugar a procesión da Esperanza, con saída e chegada na Igrexa das Ánimas (18:00 horas). Este ano, esta Confraría estrea imaxe restaurada da Virxe.

O luns 30 partirá da igrexa de Santa María do Camiño, ás 21:30 horas, a procesión da Humildade. Xa o martes 31, ás 21:00 horas, sairá do convento das Mercedarias, para dirixirse á Catedral, a procesión do Santísimo Cristo da Paciencia. O propio martes sae tamén a última procesión en incorporarse á Semana Santa compostelá: a da oración do Horto e Prendemento, ás 22:30 h do Campiño de San Francisco.

Mércores Santo
Xa o Mércores Santo e organizado pola Coordinadora de Asociacións Relixiosas Segrares, celebrarase o exercicio do Vía Crucis no campiño de San Francisco. Para as 19:30 horas está prevista a Eucaristía e para as 20:00 horas o Vía Crucis. En caso de choiva, estes actos realizaríanse na Catedral.

Para rematar a xornada, ás 23:00 horas, partirá das Orfas a procesión dos Estudantes, organizada pola Irmandade dos Estudantes do Santísimo Cristo da Misericordia, Noso Pai Xesús da Esperanza e Nosa Señora dos Remedios.

Xoves e Venres Santo
A procesión da Última Cea do Salvador sairá un ano máis en Xoves Santo, organizada pola Confraría da Vera Cruz. Arrincará ás 19:00 horas e rematará na igrexa de San Francisco, encabezada por unha talla do escultor compostelán Sanmartín realizada en 1864. E pouco antes da media noite, ás 23:30 horas, dende a igrexa de Santo Agostiño, a procesión de Xesús Flaxelado percorrerá as rúas da zona histórica. Esta marcha ten carácter penitencial, con cruces e cadeas.

O Venres Santo iniciarase pola mañá, ás 10:30 horas, coa procesión do Santo Encontro, que partirá da praza da Quintana para chegar á igrexa de San Miguel dos Agros. Xa pola tarde (18:00 horas) sairá a procesión da Quinta Angustia dende a igrexa do mesmo nome. Esta comitiva acostumaba a saír o luns de Pascua, sendo trasladada ao Venres Santo en 1968.

Tamén este día pasea a Procesión do Santo Enterro, con saída e chegada en San Domingos de Bonaval (20:00 horas). O Cristo Xacente e a Virxe dos Coitelos sobresaen entre os confrades vestidos de frac. A última procesión da xornada é a da Virxe da Soidade, que arranca ás 23:00 horas na rúa Nova e remata na igrexa de Santa María Salomé. Ata os anos 30, a procesión saía o Domingo de Paixón. Durante moito tempo recibiu o nome popular de procesión de "Os Caladiños" e nela desfilaban tan só mulleres.

Sábado Santo e Domingo de Resurrección
O sábado 4 de abril, ás 20:00 horas, sairá do Colexio da Inmaculada a procesión dos Irmáns, da que se encarga a Confraría do Santísimo Cristo da Unción e Nosa Señora da Serenidade. Ademais destas dúas imaxes, uns nenos portan a Cruz dos Infantes. E xa o Domingo de Pascua, o 5 de abril, ás 10:30 horas, a procesión do Cristo Resucitado, con saída e chegada no convento de San Francisco.

Xa fóra da propia Semana Santa, o domingo 12 de abril, ás 11:00 horas, celebrarase a procesión do Santísimo Cristo da Paciencia, que ten como punto de partida a Catedral e como meta a igrexa da Mercé de Conxo.

As procesións estarán acompañadas doutra serie de cultos e actos litúrxicos propios destas datas, moitos deles na Catedral compostelá. A bendición de palmas e ramos na Quintana, a Santa Misa Crismal, o Sacramento da Penitencia, a Santa Misa da Cea do Señor, a cerimonia do lavatorio de pés, o Sermón das Sete Palabras, o Vía Crucis, o Sermón da Soedade ou a Vixilia Pascual son algúns destes actos.

Como nas últimas edicións, a Semana Santa súmase ás redes sociais co fin de facilitar a súa difusión e promoción. Deste xeito, as procesións e diversos cultos e actos litúrxicos poderán ser seguidos en tempo real por Twitter e Facebook. Toda a información estará dispoñible na web www.semanasantasantiago.com.

Concerto especial da Banda Municipal
Os actos desta Semana Santa 2015 enmárcanse tamén na celebración do V centenario do nacemento de Santa Teresa de Jesús. En Santiago, réndeselle culto no convento do Carme, recinto que acollerá un concerto extraordinario da Banda Municipal o domingo 29 de marzo, ás 19:30 horas.

O programa musical completarase co Festival de Músicas Contemplativas, cuxo programa será presentado en breve.

Documentos relacionados



Compartir: