ALCALDÍA

O alcalde celebra a aposta de todas as administracións polo mantemento da Catedral de Santiago

18/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, visitou as obras da fachada da Catedral xunto coa directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez; o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Jesús Oitavén, e o xerente da Catedral, Daniel Lorenzo.

Durante a visita, o alcalde puido comprobar que os traballos avanzan segundo o previsto na torre norte, coa previsión de que este verán poidan estar retirada a parte superior dos andamios. En canto á torre sur, apuntou que as obras están nunha fase anterior, debido a unha serie de imprevistos atopados, xa que se comprobou que o deterioro dalgúns elementos, especialmente da cúpula, era maior do previsto.

Agustín Hernández lembrou que a Catedral de Santiago é o principal símbolo desta cidade e celebrou a "aposta de todas as administracións polo seu mantemento". Así, referiuse aos 17 millóns de euros comprometidos polo Goberno do Estado a finais de 2014 para levar a cabo a restauración da Catedral. Con cargo a estes fondos, está previsto que este mesmo ano 2015 comecen as obras de restauración da Peineta.

Ademais, nestes momentos, indicou, "a Xunta de Galicia e a Catedral están a traballar na materialización dos traballos que se teñen que executar, para posteriormente asinar un convenio no que tamén estará o Concello". Este mesmo ano, o Ministerio de Fomento vai a acometer a restauración do cimborrio, cun investimento de 900.000 euros con cargo ao 1,5% cultural.

A isto sumou todos os investimentos realizados nos últimos tres anos polo Consorcio de Santiago na Catedral de Santiago, que alcanzan os 2,5 millóns de euros: 295.000 euros en 2012 para a exposición sobre San Francisco; 857.000 euros en 2013 para as obras da Sala de Armas do Pazo de Xelmírez; e 1,4 millóns de euros en 2014 para a rehabilitación das torres da fachada. Para este 2015 o orzamento será de 800.000 euros.

Direcciones relacionadas



Compartir: