FESTAS

A carroza "A volta ao mundo en 80 días" e a comparsa "Estrelas da noite" gañan o concurso do martes de Entroido

17/02/2015 Como en cada Entroido, o desfile do martes foi o punto forte do programa festivo de Santiago nestas datas. No percorrido polas rúas compostelás participaron 18 comparsas, 7 carrozas, 9 grupos, 13 parellas e 22 disfraces individuais. A comitiva estivo encabezada un ano máis polos Xenerais da Ulla.

A carroza gañadora foi a titulada "A volta ao mundo en 80 días", que levou os 3.500 euros do primeiro premio. En segundo lugar (2.250 euros), o xurado elixiu a carroza "Simios na rúa" e o terceiro posto (1.250 euros) foi para "Cabalo de Troia".

Na categoría de comparsas, a triunfadora (2.400 euros) resultou a denominada "Estrelas da Noite". A segunda e a terceira clasificada (2.000 e 1.000 euros) foron, respectivamente "Os cachivaches de Xirantroido" e "A rueirada: USA Navy 1950" .

Para o xurado, o mellor grupo (800 euros) foi "Frozen, unha vida conxelada". Os 400 euros do segundo premio levounos "O mundo ao revés", mentres os 200 do terceiro recaeron en "Raris ledicia entre flores".

Como parella mellor caracterizada resultou elixida a titulada "Adiante bogavante". Eles levaron os 400 euros do premio nesta categoría. E na modalidade individual, os tres disfraces máis destacados e galardoados con 300, 200 e 100 euros, foron, respectivamente, "Cachoerizo", "Cazador de orcos" e "Contos para soñar".

Finalmente, houbo tres premios especiais, de 600, 400 e 200 euros, para as mellores comparsas das parroquias e barrios. As primeiras clasificadas, por esta orde, foron "Querer e non poder", "O paxaro espiño" e "Imos polo aire".

O desfile saíu, como cada ano, da Estación do Ferrocarril, seguindo o seguinte itinerario: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I.

Ao remate da entrega de premios, presidida polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, actuou a orquestra Marimba no paseo central da Alameda.

Direcciones relacionadas



Compartir: