CULTURA

Concerto de The James Hunter Six este sábado dentro do ciclo Sons’15

13/02/2015 O británico James Hunter presenta en Santiago o seu novo disco, Minute by minute, no que reúne talento, experiencia e R&B. Tras un tempo afastado dos focos volve a estar en xira e visita a nosa cidade na formación The James Hunter Six. Será este sábado, ás 21:00 horas, na Sala Capitol e dentro do ciclo Sons’15. Como teloneiros actuarán a formación dos galegos The Limboos, grupo revelación da escena nacional. As entradas, a 16 euros anticipada e 18 o día do concerto, poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, en Servinova, Ticketea, A Reixa Tenda e na Sala Capitol.

Non é Hunter de sacar discos con moita asiduidade; en pouco menos de 20 anos de carreira en solitario leva cinco álbums facturados. Pero pouco importa se cada produto que ofrece aos oíntes vén tan coidado, convídanos a facer escoitas con verdadeiro mimo ao conter música que está chamada a permanecer connosco por moito tempo. Porque Hunter ten a habilidade de crear cancións que soan clásicas no sentido literal do termo. Cancións con personalidade á vez que emocionantes.

Hunter foi gañando a confianza dun reducido pero fiel público polo seu elegante soul de tinguiduras clásicas e chegou a afirmar, por mor da publicación deste disco, que a súa música ten nas letras "o británico" mentres "o americano" está máis no son, rexeitando pertencer a calquera tipo de escena revival.

Os seus anteriores traballos, People gonna talk (2006) e The hard way (2008) foron discos nomeados aos Grammy, que non é pouca cousa. E parece que gusta a moita xente, porque tivo 2 Billboard Blues nr1 e virou con nomes como Aretha Franklin, Van Morrison, Etta James ou Wilie Nelson. Ademais, puido visitar os estudos de programas como Jay Leno, Letterman, Conan... E quéreno no NY Times e no USA Today.

No seu último disco, Minute by minute (2013) atopámonos con cancións intensas, traballadas. Este álbum marca ademais o regreso de James Hunter ao estudo despois da morte da súa querida esposa Jacqueline en outubro de 2011. The Six percorreron xuntos dúas décadas de discos, escenarios, hoteis e bares. Dende auténticos garitos ao Hollywood Bowl, alcanzaron a exactitude dun reloxo e manteñen unha máquina de interpretar xuntos moi engrasada e imbatible.

Compartir: