CULTURA

"Cando a música se volve paixón...", concerto da Banda Municipal de Música este domingo

13/02/2015 A Banda Municipal de Música de Santiago ofrece este domingo o seu habitual concerto no Teatro principal, ás 12:00 horas. Baixo o título Cando a música se volve paixón..., estará dirixido por Juan Miguel Romero Llopis e contará coa colaboración de Raúl Pérez Alves como óboe solista. A entrada será de balde ata completar as localidades da sala.

A música foi considerada sempre como unha linguaxe para expresar emocións ou estados de ánimo que moitas veces se ven maximizadas. Este é o caso do Romanticismo musical, por iso as obras que compoñen este programa se consideran románticas. Abre o programa a Obertura Carnaval de A. Dvorak, composta en 1892 e que forma parte da triloxía Natureza, Vida e Amor. Seguiranlle as Variacións para óboe de N. Rimsky Korsakov, baseadas nun tema con variacións onde o óboe mostra todo o seu lirismo poético. A interpretación correrá a cargo do gañador do concurso de interpretación 2014 do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, Raúl Pérez Alves.

Da man do tamén compositor ruso S. Prokofieff entramos nunha das páxinas máis evocativas do triunfo do amor sobre a razón, o celebérrimo amor entre Romeo e Xulieta ao que lle seguirá Salut d´amour, de E. Elgar. Pechará a primeira parte o intermezzo da ópera Cabalería Rusticana, de P. Mascagni.

A segunda parte ábrese con A Bela Galatea, de F. V Suppé, que narra a trama argumental da opereta onde o escultor Pigmalión se namora tolamente da súa estatua Galatea. E pechará o concerto a historia de amor máis versionada, Romeo e Xulieta, na versión de P. Tchaikovsky (obertura fantasía).

Documentos relacionados



Compartir: