ALCALDÍA

Santiago e Italia, unidos polo Camiño

12/09/2006 O proxecto "Os camiños de Europa" está a desenvolver unha serie de accións dirixidas á valorización integrada dos territorios atravesados polos principais itinerarios culturais europeos: o Camiño de Santiago e a Vía Francigena. Un grupo de parlamentarios italianos, que participan nesta iniciativa de cooperación, foron recibidos polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. A delegación fixo un tramo do Camiño e chegou á cidade co bispo auxiliar de Roma, Rino Fisichella á cabeza.

"Os camiños de Europa" materialízase en diversas intervencións de promoción internacional dos territorios implicados, dos seus servizos de acollida turística e dos seus numerosos produtos típicos. O proxecto pretende reforzar as redes de cooperación entre os grupos de acción local e as institucións e entidades dos territorios atravesados por estes itinerarios.

Na visita a Raxoi, tanto o alcalde coma o bispo romano resaltaron os lazos históricos e culturais fomentados polo Camiño de Santiago e a experiencia que supón percorrelo. Neste sentido, Sánchez Bugallo regalou á delegación un "Libro de Albani", escrito por un monxe italiano que no século XVII fixo un camiño fora dos itinerarios coñecidos e no que recolleu as súas experiencias. Pola súa parte, Rino Fisichella entregoulle ao alcalde unha placa conmemorativa.

Compartir: