CULTURA

Iñaki Miramón e Toni Acosta presentan "De mutuo desacuerdo" en Compostela

12/02/2015 Os actores Iñaki Miramón e Toni Acosta protagonizan De mutuo desacuerdo, comedia dirixida por Quino Falero, que chega este venres a Compostela dentro do Ciclo de Teatro 2015. Poderá verse ás 20:30 horas no Auditorio Abanca e as entradas teñen un prezo de 18 € en patio de butacas e anfiteatro 1 e 15 € no anfiteatro 2. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal aberto de 18:00 a 21:00 horas; no 902 434 443; en entradas.abanca.com ou no propio Auditorio Abanca o día do evento dende as 18:30 horas.

Existe a amizade despois do divorcio? A historia vira arredor de Sandra e Ignacio, unha parella que acaba de divorciarse e que está condenada a pórse de acordo polo seu fillo. O pequeno non acepta a nova condición dos seus pais e, aínda por riba, ten algúns problemas no colexio. Serán capaces de tomar decisións como pais sen ser marido e muller?

Escrita por Fernando J. López (autor de novelas como La edad de la ira (finalista do Premio Nadal) e obras como Cuando fuimos dos (actualmente na súa terceira tempada no Teatro Infanta Isabel), De mutuo desacuerdo é un relato das novas familias do século XXI no que non hai bos nin malos, tan só dous personaxes que se equivocan e que tentan emendar eses erros do mellor modo posible. Na obra abórdanse temas como a parella, a paternidade e a familia dende un punto de vista que evita toda clase de discursos morais ou simplificadores e onde ambos os personaxes posúen as súas propias razóns e argumentos, de modo que sexa o público quen busque con cal deles desexa identificarse.

Cun reparto que conta cos coñecidos Toni Acosta e Iñaki Miramón, a obra aborda dende o humor o problema da identidade despois dunha ruptura: quen somos: o ex que desexa reconstruírse ou o pai ou a nai que sabe que non pode esquecer que o seu cónxuxe seguirá sendo importante na vida do seu fillo? Tanto Sandra como Ignacio fan nesta función unha viaxe desde a rabia que os separa nos primeiros meses cara a un intento de aceptación, tanto de si mesmos como da nova situación en que se achan e da relación que teñen e queren construír co seu fillo.

Sergio, o terceiro -e invisible- protagonista, é un deses nenos-mochila de quen se fala no estatísticas pero a quen apenas vimos no noso teatro e a nosa literatura máis recente. De luns a venres nunha casa, os fins de semana na outra. A súa mochila é a imaxe dese nomadismo que supón, á súa vez, unha situación complexa e ante a que cada neno reacciona dun modo diferente. Nese sentido, De mutuo desacuerdo está ancorada firmemente na actualidade e presenta -desde a comedia e a emotividade- unha historia nova na ficción e coa que unha amplísima franxa de espectadores se poderá sentir retratada.

Direcciones relacionadas



Compartir: