CULTURA

Chega ao Teatro Principal "O Crédito", con Morris e Pedro Alonso, dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués

12/02/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, Antonio Durán "Morris" e a produtora Mercedes Castro presentaron en rolda de prensa a última montaxe teatral de Eme2 e Tanttaka, a comedia bancaria O Crédito, que chega a Compostela do 18 ao 22 de febreiro. Será no Teatro Principal, dentro do Bono de Teatro Galego, ás 20:30 horas todos os días agás o domingo, que será ás 20:00 horas.

O Crédito chega aos teatros galegos despois de colleitar éxito de público e crítica durante dúas temporadas en Madrid e Barcelona. En palabras do director da obra, Fernando Bernués, O Crédito chega á xente porque parte dunha situación cotiá, moi próxima ao público: o director dunha sucursal bancaria négalle un crédito a un cliente desesperado, por falta de avais.

Ata aquí chegan as similitudes, porque nese momento o cliente reta ao director da sucursal e comezan a desenvolverse os acontecementos. Na obra veremos como estes dous homes se redescobren a si mesmos e dos seus conflitos internos nace un desenlace que nos deixará bo sabor de boca.

A opinión da crítica
A obra escrita polo catalán Jordi Galceran, autor de El método Grönholm e Paraules encadenades, é unha "orixinal comedia sobre cómo conseguir un préstamo cando os bancos pechan a billa aos particulares", en palabras do crítico Sergi Doria. Dela dixo tamén a prensa especializada que pon "o enxeño ao servizo dos malos tempos" (Juan Carlos Olivares. Time Out), que "non deixa un momento de respiro ao espectador" (José Carlos Sorribes. El Periódico de Catalunya) e que é unha "boa comedia, da que esperta paixóns e que termina sendo un fenómeno de masas" (Marti Figueras Martínez. Más Teatro). Pronto serán os espectadores e as espectadoras galegas as que se apaixonen con esta comedia imprescindible, que percorrerá a xeografía galega o primeiro trimestre de 2015.

As entradas están xa á venda, a un prezo de 16 euros (10 no anfiteatro) ou co Bono cun suplemento de 5 euros. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Direcciones relacionadas



Compartir: