FACENDA

Os contribuíntes teñen ata o 28 de febreiro para solicitar o pagamento en tres prazos do IBI deste exercicio 2105

12/02/2015 O concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, presentou a campaña mediante a que se anima os composteláns a acollerse ao pagamento fraccionado do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Os contribuíntes teñen ata o 28 de febreiro para acollerse a esta modalidade de pago en tres prazos, da que se benefician xa 5.000 contribuíntes. O obxectivo municipal é chegar aos 10.000 neste 2015.

Tras lembrar que, neste 2015, o IBI rexistra unha baixada do 0,03% no tipo aplicable tanto á contribución urbana como á rústica, Ramón Quiroga explicou as vantaxes que para o contribuínte ten esta modalidade de pago en tres prazos, tanto a nivel de comodidade como dunha planificación menos gravosa economicamente dos pagos. Ademais, o fraccionamento implica a domiciliación bancaria inmediata, sen xuros e sen que o contribuínte teña que prestar garantías.

Cómpre lembrar que, se ben a solicitude de fraccionamento do pagamento do IBI se pode solicitar presencialmente en calquera momento na Oficina de Atención ao Contribuínte, é necesario facelo antes do 28 de febreiro para que poida ser efectiva no recibo de 2015. Os que xa solicitaran o pagamento en tres prazos nun anterior exercicio non terán que facer ningún trámite, xa que se lle aplicará o fraccionamento xa de forma sucesiva en cada exercicio.

O único requisito para acollerse a esta modalidade fraccionada e non ter débedas executivas co Concello, aspecto que se comproba de oficio polos servizos económicos municipais. Unha vez concedida esta posibilidade, todo dos recibos do IBI quedarán incluídos neste sistema de pago.

Os que opten polo pagamento fraccionado terán que facer fronte aos tres prazos do recibo os días 5 de xullo, 5 de setembro e 5 de novembro. De non escoller esta alternativa, os contribuíntes deberán pagar o IBI entre o 5 de xullo e o 5 de setembro.

Esta unificación de datas dos pagos voluntario e fraccionado ten tamén outras vantaxes para o contribuínte, ao non coincidir cos pagos do imposto de vehículos (marzo a maio), co IRPF (ata o 25 de xuño) ou cun mes habitual de vacacións como agosto.

O Concello quere igualmente seguir fomentando a domiciliación do IBI e doutros impostos municipais. Por iso, o cargo dos recibos domiciliados realizarase sempre o último día do período de pago. Así, no caso do IBI e do pago voluntario, o recibo cargaríase o 5 de setembro.

Descarga de impreso e información
O contribuínte pode descargar o impreso para solicitar o pago fraccionado nesta web. Tamén pode obter máis información a través dos teléfonos 981 542 384 (Atención ao Contribuínte) ou 881 599 977 (Call Center).

Direcciones relacionadas



Compartir: