XUNTA DE GOBERNO

O obradoiro Ecotur Santiago II permitirá empregar a 45 persoas e crear un centro BTT na antiga escola da Susana

12/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, deu conta das solicitudes de varias subvencións aprobadas na Xunta de Goberno Local. Entre elas, destacou a referida ao obradoiro de emprego Ecotur Santiago II, grazas ao cal se dará emprego a 45 persoas e que permitirá a creación dun centro BTT na antiga escola unitaria da Susana.

O proxecto do obradoiro de emprego Ecotur Santiago II, destinado á creación dun centro BTT na Susana, pretende "poñer en marcha un novo produto que incentive o desenvolvemento turístico sostible e respectuoso co medio, que axude a desestacionalizar os fluxos turísticos e promova unha actividade deportiva que posibilite o coñecemento do medio rural e natural a través da práctica da bicicleta todo terreo (BTT)", explicou o alcalde.

Esta iniciativa comprende, por unha parte, a rehabilitación da antiga escola unitaria de Susana como Centro BTT e de atención a visitantes Val de Santa Lucía-Marrozos. A actuación inclúe a adaptación do edificio coa renovación das instalacións e traballos de illamento e de accesibilidade.

Por outro lado, contempla a elaboración e mantemento de páxinas web do Centro BTT para divulgar os traballos realizados, con información de rutas e sendas, enumeración de valores naturais e históricos, recursos naturais da zona, turismo sostible e entidades sen ánimo de lucro, coa finalidade de promocionar servizos e actividades.

Para levar a cabo este proxecto, apuntou Agustín Hernández, o Concello acollerase á orde da Consellería de Traballo e Benestar que regula as axudas e subvencións a obradoiros de emprego para solicitar a correspondente subvención, comprometendo unha achega municipal por un importe total de 50.000 euros en dúas anualidades. A axuda iría destinada a manter este obradoiro durante seis meses -entre setembro de 2015 e febreiro de 2016- coa tripla función de crear emprego, formar traballadores e acometer unha iniciativa de interese para a veciñanza e para a atracción de visitantes.

O programa contempla a formación en tres especialidades formativas: promoción turística local e información ao visitante, confección e publicación de páxinas web e operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción. O número de alumnos previsto é de 45 e o orzamento total estimado é de 449.014 euros, que irán destinados na súa maior parte a contratación do persoal directivo, docente, administrativo ou de apoio, así como do alumnado-traballador participante. Os 50.000 euros que achega o Concello destinaranse á adquisición de material, gastos de aluguer de equipos e traballos específicos de electricidade, fontanería ou carpintería.

Lembrou o alcalde que, no pasado mes de agosto, o Concello puxo en marcha outro obradoiro semellante a este, para divulgar e poñer en valor o Val de Roxos, na antiga escola unitaria de Villestro, coa participación de 23 persoas.

Emprego Santiago IV
Seguindo co emprego, a Xunta de Goberno aprobou tamén a solicitude dunha subvención de 120.000 euros á Consellería de Traballo e Benestar para o cofinanciamento do programa integral municipal Emprego Santiago IV. O orzamento desta iniciativa -no que se inclúen gastos de persoal, axudas ao custo, contratación de medios externos e gastos xerais- ascende a 148.800 euros, dos que a Xunta achegaría arredor do 80% e, o resto, o Concello.

Contratación de perceptores da RISGA
A terceira solicitude de subvención en materia de emprego, tamén á Consellería de Traballo e Benestar, ten como obxectivo a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da RISGA (cunha antigüidade mínima de seis meses) para o ano 2015. Procurarase así que estas persoas adquiran a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción social.

Neste contexto, o Concello propón a contratación de catro técnicos administrativos, nove administrativos, oito conserxes e catro peóns, por un período de sete meses. Para o Concello suporía un custo estimado de 6.121 euros euros, correspondentes á indemnización por fin do contrato, logo de que a Xunta de Galicia asuma o pagamento das correspondentes retribucións.

Subvencións para os centros socioculturais
O Goberno local tamén deu o visto bo á solicitude de dúas subvencións á Deputación da Coruña para o sostemento dos centros socioculturais. A primeira delas, por 144.000 euros (80% do custo total estimado), destinarase ao sostemento durante o ano 2015 do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, na rúa Frei Rosendo Salvado. O Concello achegará 36.000 euros.

Esta cantidade servirá para afrontar os gastos de persoal, mantemento e subministracións nun centro que presta múltiples servizos estables, cursos de formación e diversas actividades programadas para todas as idades ao longo do ano.

A segunda subvención está dirixida ao desenvolvemento da programación prevista nos centros socioculturais do rural durante o ano actual. O importe previsto é de 175.000 euros, dos que un 80% se lle solicita ao organismo provincial e o resto asúmeo a Administración local.

Esta axuda permite sufragar a actividade en 20 dos 43 centros socioculturais do concello, radicados no ámbito rural. A programación prevista estrutúrase en programas de animación e dinamización dixital, novas tecnoloxías da información, educación e formación permanente de adultos, así como en programas estacionais e de dinamización teatral.

Documentos relacionados



Compartir: