ALCALDÍA

O alcalde reitera a aposta municipal pola introdución de criterios de eficiencia e sustentabilidade na contratación pública

11/02/2015 O alcalde de Santiago asistiu á inauguración da II Xornada sobre Aforro e Eficiencia en Instalacións Industriais, organizada pola delegación compostelá do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) en colaboración coa revista galega de enerxía Dínamo Técnica. Na súa intervención, Agustín Hernández reivindicou as medidas postas en marcha no Concello en materia de innovación co fin de incrementar os niveis de eficiencia enerxética e sostibilidade.

O rexedor municipal destacou a oportunidade que a eficiencia enerxética representa para a maioría das empresas, na medida en que "implica reducir custos, mellorar a competitividade e participar de forma activa nunha estratexia social de desenvolvemento sustentable, con efectos positivos na imaxe empresarial e, sobre todo, na calidade ambiental".

Pero tamén estendeu estes presupostos ao ámbito das administracións públicas, porque "a eficiencia enerxética é unha materia na que as administracións públicas teñen unha gran responsabilidade e deben ter moito interese pola súa implicación, non só a través de medidas normativas ou de incentivos para a súa promoción, senón como consumidoras de enerxía que deben ofrecer exemplo para o aforro e a eficiencia, para tratar de facer máis con menos".

Dende o Concello de Santiago, lembrou, en liña coas directivas da Unión Europea e coas disposicións do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia, "estamos a desenvolver un conxunto de actividades en materia de fomento da I+D+i para mellorar, tanto a competitividade interna do propio Concello como a do contorno socioeconómico da cidade".

"A idea primordial é que, partindo do diagnóstico e da análise de boas prácticas, se poidan ir afrontando plans integrados que teñan en conta aspectos clave á hora de lograr a eficiencia enerxética en edificios, sistemas de enerxía, redes de auga, residuos urbanos, redes de calefacción e frío, uso enerxético, transporte e mobilidade, vehículos ou cambio climático", explicou Agustín Hernández.

Proba do traballo neste campo é o papel de liderado de Santiago no proxecto de cidades intelixentes no marco do grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade. E froito dos avances realizados, resaltou, "Santiago foi premiada esta mesma semana polo Ministerio de Economía e Industria como "Cidade da Ciencia e a Innovación 2014".

"A través da innovación, onde ten un papel destacado o aforro e a eficiencia enerxética, obtéñense claros beneficios para a mellora da competitividade empresarial, para a actividade económica e para o emprego, e tamén para mellorar a calidade dos servizos públicos e para conseguir un aforro de recursos financeiros e naturais", explicou.

Compra pública innovadora
É por iso que dende o Concello se están incorporando novas medidas para a reforma da estrutura organizativa municipal, a través dunha área específica de innovación e desenvolvemento de carácter transversal. Ademais, referiuse á aplicación da filosofía da "compra pública innovadora", coa introdución de criterios de eficiencia e sustentabilidade na contratación administrativa, tanto para novos edificios ou equipamentos, como para os grandes contratos de servizos relacionados co mantemento de zonas verdes ou a iluminación pública.

Nesta liña, engadiu, "instaláronse xa máis de un cento de reloxos con programación astronómica para a activación da iluminación pública, cun aforro estimado de máis de 10.000 euros/ano e unha maior eficiencia. E tamén se está cambiando progresivamente a iluminación das rúas e prazas, coa incorporación de tecnoloxía LED, logrando reducións de consumo de ata un 74% e con menores custos de mantemento".

Finalmente, aludiu á dunha das instalacións municipais de maior consumo, o Multiúsos de Sar, para analizar o seu comportamento enerxético na procura de reducir as emisións de CO2 á atmosfera. O mesmo se fará coa frota de vehículos municipais.

En relación a todas estas medidas, o alcalde indicou que "partimos dunha estratexia propia, na que os aforros e a eficiencia enerxética son unha peza fundamental para conseguir unha cidade máis sustentable, que optimice os seus recursos, tratando de incrementar as prestacións e os beneficios".

Compartir: