TURISMO

Santiago asiste á reunión da Comisión Executiva do Spain Convention Bureau

12/09/2006 O Spain Convention Bureau, órgano da Federación Española de Municipios e Provincias presidido polo concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, celebra o mércores 13 de setembro en Madrid unha xuntanza na que abordará o plan de actuación conxunta con Turespaña deste ano e do 2007.

Na reunión tratarase o seguimento do desenvolvemento do Plan de Actuación Conxunta con Turespaña para o 2006, que contempla a edición de material promocional novo e de diversas accións de promoción. Entre estas atópase a creación dunha nova web do SCB, que contará cun boletín electrónico e unha revista sobre o turismo de reunións en España, así coma un folleto corporativo do SCB e outro folleto promocional de viaxes de incentivos en España.

Ademais, a SCB vén de editar, coa colaboración da Oficina Española de Turismo en Londres, a edición dun especial "España destino de congresos" na revista ITCM (Incentive Travel & Corporate Meetings Magazine). No encontro tratarase, pois, da campaña de publicidade cooperativa con Turespaña e específica no mercado británico.

Finalmente, os membros da Comisión Executiva abordarán os contidos do Plan de Actuación Conxunta entre Turespaña e o SCB de 2007 e das novas solicitudes de adhesión.

Compartir: