ALCALDÍA

O alcalde e o conselleiro de Cultura e Educación visitaron as obras de restauración do campanario de San Martiño Pinario

06/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, visitaron o mosteiro de San Martiño Pinario, onde xa comezaron as obras de restauración do seu campanario. Deste xeito dáse cumprimento ao compromiso adquirido co Concello de Santiago o pasado mes de setembro, cando se acordara executar tanto estas obras como as de ampliación do CEIP Monte dos Postes.

A actuación, que conta cun orzamento de 107.886,19 euros, consistirá na limpeza xeral das fachadas e da balaustrada da torre do campanario e desalación da cantería do interior do cupulín. Así mesmo, reconstruirase o pináculo que coroa o mesmo, e realizarase unha consolidación superficial da fábrica de granito e a hidrofugación da pedra. Ademais, substituiranse os elementos de madeira que conforman as dúas estruturas de madeira do campanario ao igual que as varandas de ferro que están situadas na planta do primeiro corpo.

Así mesmo, restaurarase o rexuntado en todas as fachadas do campanario, o mesmo que a cruz e a veleta, que logo serán repostas, recomporanse os pináculos da balaustrada, colocaranse grapas na mesma, e repararanse os sillares con perdida de masa.

San Martiño Pinario está constituído por unha igrexa e un mosteiro, de planta complexa, froito dunhas obras que duraron tres séculos. As dependencias principais están ao redor de catro patios. Exteriormente ten tres fachadas. O flanco norte constitúe a igrexa monacal e os seus anexos. O edificio está constituído por un corpo central alongado, pechado por dúas torres. Actualmente acolle as dependencias do Arquivo Histórico Diocesano ao tempo que é a sede do seminario maior da Arquidiócese de Santiago de Compostela.

Compartir: