DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

A RECI, da que forma parte Santiago, presenta as actuacións realizadas cara a xestión intelixente das cidades

06/02/2015 Segovia acolleu a VIII reunión do Comité Técnico da Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI), na que representantes dos 60 municipios que actualmente a integran presentaron as actuacións levadas a cabo polos seus cinco grupos de traballo nos últimos meses, co fin de avanzar cara a xestión intelixente das cidades dunha forma coordinada, consensuada e colaboradora. En representación de Santiago de Compostela, cidade integrada nesta rede, participou o responsable do Departamento de Innovación, Fernando Suárez.

Os grupos de traballo de RECI están formados por persoal técnico dos diferentes concello, que manteñen unha actividade e un contacto permanente mediante reunións virtuais a través de videoconferencia, o que se traduce en importantes aforros de tempo e de custos. Neste VIII Comité Técnico celebrado en Segovia presentáronse as principais novidades das actuacións en marcha.

Así, o grupo de Innovación Social continúa avanzando na elaboración dun Modelo de Presenza, Participación e Escoita Activa das Administracións en Internet e nas Redes Sociais, con exemplos, boas prácticas e unha relación de ferramentas tecnolóxicas de utilidade. Tamén se presentaron experiencias relacionadas coa transparencia e o open data de cidades como Sevilla ou Zaragoza, así como o Código de Bo Goberno elaborado pola FEMP, quen orixinou a creación dunha rede de cidades pola transparencia e participación cidadá. No ámbito das smart destinations, impulsado dende Palma de Mallorca, intercambiáronse experiencias de diferentes cidades, e progresa o desenvolvemento dunha guía de colaboración público-privada para a promoción do destino turístico intelixente, e dunha guía de novos modelos de negocio e servizos baseados en tecnoloxías para o antes, durante e despois da viaxe.

No grupo de Enerxía compartíronse e analizáronse diversos documentos e experiencias de interese, como o contrato para a mellora da iluminación pública do Concello de Vitoria, os pregos para contratar a unha empresa de servizos enerxéticos de Alcobendas e información dalgunhas sesións destacadas do Congreso Mundial de Edificación Sostible celebrado en outubro en Barcelona. Ademais, estanse a buscar sinerxías entre cidades para presentar propostas conxuntas ao novo Programa Horizonte 2020 da UE.

No grupo de Medio, Infraestruturas e Habitabilidade compartíronse experiencias como a ordenanza de usos e aforro de auga de Sabadell, o Proxecto CAT-MED sobre modelos urbanos sostibles de Valencia ou o sistema de alerta por nivel de pole de Pamplona, co fin de poder resolver problemas ou necesidades comúns mediante solucións xa testadas. Este grupo de traballo ten catro subgrupos: Zonas Verdes e Ciclo de Auga, que está a traballar nun modelo de ordenanza sobre xestión de rego e aforro de auga; Indicadores Urbanos; Medición de Parámetros Ambientais; e Smart Grids. Recentemente formulouse a creación dun quinto subgrupo para traballar na aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) á medición de niveis urbanos de contaminación atmosférica, acústica e lumínica.

O grupo de Mobilidade Urbana destacou o papel activo de RECI no VI Congreso do Vehículo e Combustible Alternativos, celebrado recentemente en Valladolid, con demostracións de cidades como Madrid, Barcelona, Málaga e Murcia. No relativo ao vehículo eléctrico, tratáronse os efectos da nova norma reguladora das instalacións destinadas á infraestrutura para a recarga de vehículos eléctricos, que entrará en vigor o 1 de xullo, e propúxose trasladar ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a necesidade de modificar a figura do "xestor de cargas do sistema", que segundo a normativa vixente é o único subministrador de enerxía autorizado para a recarga destes vehículos. Considérase que esta figura, única na UE, está a dificultar a implantación de proxectos de mobilidade eléctrica nas cidades. Por outro lado, formulouse a elaboración dun documento sobre bicicletas nas cidades de RECI.

Por último, dentro do grupo de Goberno, Economía e Negocios deuse a coñecer o programa "Participa", da European Foundation for Information Society, sobre a participación cidadá nos procesos públicos, ofrecéndose como exemplo a actuación levada a cabo polo Concello de Rivas Vaciamadrid. Tamén se presentaron boas prácticas de varias cidades, como a ferramenta de interoperabilidade de Ávila, a federación de datos abertos de Málaga, a firma electrónica biométrica de Alcobendas ou a plataforma integral de eAdministración de Valencia. Así mesmo, compartíronse documentos relativos á contratación pública e á análise da normativa aplicable á reutilización da información do Sector Público.

RECI
A Rede Española de Cidades Intelixentes (www.redciudadesinteligentes.es) foi constituída en xuño de 2012 co obxectivo de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente para desenvolver un modelo de xestión sostible e mellorar a calidade de vida dos cidadáns, incidindo en aspectos coma o aforro enerxético, a mobilidade sostible, a eAdministración, a atención ás persoas ou a seguridade. Actualmente está formada por 60 cidades: A Coruña, Albacete, Alcalá de Henares, Alcobendas, Alcorcón, Alicante, Almería, Alzira, Aranjuez, Arganda del Rey, Ávila, Badajoz, Barcelona, Burgos, Cáceres, Castellón, Ciudad Real, Córdoba, Guadalajara, Elche, Fuengirola, Getafe, Gijón, L’Hospitalet de Llobregat, Huelva, Las Palmas de Gran Canaria, Logroño, Lugo, Huesca, Madrid, Majadahonda, Málaga, Marbella, Mérida, Molina de Segura, Móstoles, Motril, Murcia, Oviedo, Palencia, Palma de Mallorca, Pamplona, Paterna, Ponferrada, Pozuelo de Alarcón, Rivas Vaciamadrid, Sabadell, Salamanca, Sant Cugat, Santander, Santiago de Compostela, Segovia, Sevilla, Tarragona, Torrejón de Ardoz, Torrent, Valencia, Valladolid, Vitoria-Gasteiz e Zaragoza. A fundación Fundetec é a súa oficina técnica.

Compartir: