DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

A praza do Matadoiro converterase nun balcón ao parque de Belvís e nunha atractiva e accesible entrada a este espazo verde

04/02/2015 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, presentou o proxecto de reurbanización da praza do Matadoiro. Tras a demolición da Casa da Xuventude e executada este intervención, este espazo converterase nun atractivo e accesible punto de entrada ao parque de Belvís e tamén nun balcón dende o que divisar este espazo verde.

O proxecto permitirá transformar a praza do Matadoiro para recuperala para o uso cidadán que na actualidade non ten. Suporá tamén abrir ao público unha porta de entrada máis accesible a un dos parques máis singulares de Compostela como é o parque de Belvís. Así, a actual praza do Matadoiro, caracterizada por diferentes pendentes e diversos pavimentos, transformarase nun espazo de transición máis suave dende Virxe da Cerca cara o parque.

Segundo explicou o arquitecto encargado da redacción do proxecto, Juan López Villanueva, a praza en si mesma verá reducidas as súas pendentes, cunha pavimentación en pedra homoxénea, cunhas bandas perimetrais diferenciadas paralelas aos edificios existentes que garantirán o mellor acceso aos mesmos.

O regato do Cancelón, que será reconducido mediante un meandro, facilitando a saída á superficie, marcará a transición cara outro tipo de pavimento, que será o que caracterizará tanto o balcón como a rampla de acceso duns 4 metros a través da que se conectará a praza do parque de Belvís. Todo isto acompañado dun axardinamento que facilitará tamén unha transición natural ao espazo verde.

En total, a reurbanización suporá a intervención sobre uns 1.000 metros cadrados e o custo do proxecto é de 475.229 euros máis IVE. A concelleira estimou que a reurbanización podería estar lista no prazo aproximado dun ano, tendo en conta que nestes intres se está a piques de adxudicar a demolición da Casa da Xuventude (por algo máis de 90.000 euros) e que haberá que agardar a esta para contratar a reurbanización.

Un dos aspectos que destacou Teresa Gutiérrez é o mantemento da fonte existente. É máis, apuntou que a Comisión Asesora do Casco Histórico recomendou a realización dun proxecto específico para a súa restauración. Outra das suxestións realizadas pola Comisión foi a colocación dun pivote automático que garanta unicamente o acceso á praza do Matadoiro dos vehículos para a carga e descarga.

Finalmente e a propósito das traseiras das vivendas da rúa de San Pedro, a concelleira lembrou que son propiedade privada. En calquera caso, tal como sucede no resto do Casco Histórico, apuntou que o Concello seguirá impulsando que os seus propietarios se acollan ás axudas de rehabilitación existentes na actualidade e que outorga o Consorcio de Santiago. Con todo, lembrou o arquitecto que as traseiras destas vivendas xa son visibles na actualidade.

Compartir: