ALCALDÍA

Concello e Xunta compartirán infraestruturas de telecomunicacións para aforrar ata o 80% do custo total da implantación de novas redes

04/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, asinaron un convenio para o aproveitamento recíproco das infraestruturas e instalacións de ambas administracións e para o desenvolvemento de redes de telecomunicacións no municipio. O Concello dá así un paso máis no impulso da innovación como un dos eixes estratéxicos no desenvolvemento da cidade. Este labor xa é recoñecido por entidades externas, como o demostra o premio outorgado a Santiago pola Rede Española de Cidades Intelixentes como Cidade da Ciencia e a Innovación 2015, galardón que o propio alcalde recollerá nun acto que se celebrará en Burgos o vindeiro luns, 9 de febreiro.

O acordo permitirá compartir activos autonómicos e locais como torres de antenas, canalizacións, galerías de servizos e fibra óptica, existentes no termo municipal para favorecer a modernización das comunicacións internas e externas de ambas administracións. Segundo apuntou o alcalde, esta medida permitirá reducir a necesidade de realizar obra civil, que supón ata un 80% do custo total da implantación de novas redes de telecomunicacións.

Deste xeito, o convenio posibilitará que, por exemplo, o Concello de Santiago poida instalar equipamentos de telecomunicacións municipais en infraestruturas da Administración autonómica ou que a Xunta de Galicia poida empregar as canalizacións municipais para estender fibra óptica entre os seus edificios.

Os recursos de comunicacións son unha peza angular dos servizos dixitais e da administración electrónica. Por iso é preciso realizar os despregamentos tecnolóxicos que permitan levar as redes de comunicacións aos distintos centros nos que estas desenvolven a súa actividade.

Acceso a internet
As infraestruturas telecomunicacións son a columna vertebral da sociedade dixital e as redes de banda larga a peza angular sobre a que vén traballando a Administración autonómica. En Santiago, o Plan de Banda Larga posto en marcha en 2010 facilitou o acceso á Internet, a través de redes fixas e sen fíos, a 13.688 habitantes de 51 núcleos do concello que carecían de cobertura de Internet. Estas actuacións supuxeron un investimento público-privado de máis de 840.000 euros e incrementaron a porcentaxe de poboación con acceso á Rede no municipio do 85,5% a máis do 98%.

Por outra banda, a día de hoxe máis do 78% da poboación dispón de cobertura de redes de fibra óptica que permiten velocidades de máis de 100 Mbps e a fibra óptica está presente no polígono industriais do Tambre e nos parques empresariais de Costa Vella e A Sionlla.

Compartir: