CULTURA

Oh Trío presenta o seu último traballo, "Cancionero Gallego", no ciclo Sons’15

02/02/2015 Oh Trío ofrece un concerto este martes 3, ás 21:00 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea, enmarcado no ciclo Sons’15. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, na tenda Merlín e familia, na web www.madapro.es e no propio CGAC o día do concerto desde as 18:00 horas. Teñen un prezo de 8 euros anticipada e 10 o día do concerto.

Oh Trío presenta en Santiago seu novo traballo discográfico baseado nas melodías tradicionais do Cancionero Gallego de Torner e Bal y Gay. Tras un intenso traballo de selección entre os centenares de melodías da obra, Oh Trío propón unha recreación de melodías galegas dende o prisma do jazz e a improvisación.

Oh Trío está formado por Antonio Bravo (guitarra acústica), Germán Díaz (zanfona/caixa de música programable/serra musical) e Diego Martín (bhendir/batería). A formación nace en 2008, aínda que os seus compoñentes coñecíanse e colaboran en distintas formacións desde hai anos. Grupos como Rao trío, A Brigada Bravo & Díaz ou Marisco Fresco, con varias gravacións no selo Producións Efímeras, son proba das devanditas colaboracións.

Realizaron xiras por Colombia, Alxeria, Rusia, Francia, Italia, Portugal, España, Austria, Bélxica, Alemaña, Bulgaria, Marrocos, Eslovenia, Finlandia, Suíza, Países Baixos, Noruega, Moldavia, Ucraína, México, Brasil, Serbia.... Os seus traballos discográficos mereceron recoñecementos como 2º Mellor Disco do Ano (Cuadernos de Jazz) e Mellor Disco Internacional (Jazz Tokio).

Compartir: