PROMOCIÓN ECONÓMICA

Inaugurado o curso "Domótica: vivendas intelixentes"

12/09/2006 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, inaugurou oficialmente o curso ‘Domótica: vivendas intelixentes’, organizado por esta Concellaría ao abeiro do Plan FIP. Esta actividade formativa ten carácter experimental, xa que é a primeira vez que se organiza un curso sobre está temática na bisbarra compostelá. O curso desenvólvese nas dependencias que a Concellaría ten na rúa Pérez Constanti e nel toman parte 15 alumnos con coñecementos en electrónica, electricidade ou informática.

En vista da necesidade de persoal cualificado e especializado nesta actividade, convocouse este curso, co obxectivo de formar a desempregados da área de Compostela nunha actividade en crecente demanda. Dende a Concellaría de Promoción Económica e Emprego hai fundado optimismo en canto ás posibilidades de incorporación laboral a curto prazo dos alumnos deste curso, xa que se trata dun perfil moi solicitado polo mercado laboral e no que son moi escasos os profesionais especializados.

Santiago e maila súa bisbarra, unha das áreas de crecemento poboacional (e polo tanto urbanístico) máis importantes da eurorrexión atlántica, ten no sector da construción un dos piares fundamentais do seu tecido económico e laboral. Ademais, moitos dos edificios que se proxectan actualmente xa contemplan a incorporación de sistemas de control intelixente do fogar, e malia isto non é doado atopar especialistas en domótica.

Unha das finalidades do curso é facilitar a reciclaxe profesional de persoas con coñecementos nesta área de actividade, de maneira que se familiaricen cos avances incorporados nos últimos anos neste sector de crecente tecnificación, e axudalos así a "perder o medo" a traballar cos actuais elementos tecnolóxicos presentes dentro do fogar, non só nas vivendas de nova construción, senón tamén nas edificacións xa existentes, que están a incorporar a domótica de maneira constante.

DEFINICIÓN E VANTAXES DA DOMÓTICA

A palabra domótica (mestura de domus=casa e informática) consiste na introdución no fogar de elementos tecnolóxicos que nos faciliten a vida diaria. Por domótica enténdese a incorporación ao equipamento das nosas casas dunha sinxela tecnoloxía que permita xestionar de forma enerxeticamente eficiente, segura e confortable para o usuario, os diferentes elementos tecnolóxicos e as instalacións domésticas tradicionais que conforman unha vivienda (calefacción, electrodomésticos, iluminación...).

As vantaxes que ofrece a incorporación da domótica ao fogar poden apreciarse en moitos ámbitos:

- Seguridade: vixilancia de nenos ou persoas maiores a calquera hora e dende calquera lugar, peche automático das chaves de paso da auga e do gas en caso de fuga, alarmas antiroubo ou contraincendios, desactivación dos enchufes nas estancias onde hai nenos, activación automática de ventás, toldos ou luces para simular a presenza na casa durante períodos vacacionais...

- Confort: prendido e apagado automático das luces a medida que cambiamos de estancia, apertura e peche de portas ó noso paso, control individual da temperatura e a humidade nas diferentes habitacións, tomas de baleiro en diferentes puntos da casa para non ter que levar o aspirador dun lado a outro, conexión e desconexión dos electrodomésticos en función das nosas necesidades...

- Xestión enerxética: toldos e persianas que se abren e pechan segundo a luz solar, conexión automática das luces exteriores, optimización da redución das tarifas eléctricas en horario nocturno, sistemas de rego acordes coas condicións climáticas...

- Telexestión: posibilidade de conexión da calefacción camiño da casa, recepción de mensaxes cando nos atopamos lonxe do fogar, información visual do estado do noso domicilio durante as vacacións ou desprazamentos...

Compartir: