CULTURA

"Bobas & Galegas. Mofa e Befa no Século de Ouro", nova proposta dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués

02/02/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron o seguinte espectáculo do Bono de Teatro Galego e Portugués: Bobas & Galegas. Mofa e Befa no Século de Ouro. Na rolda estiveron acompañados dos dous protagonistas do espectáculo, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira; o director musical, Fernando Reyes; así como polo director do mesmo, Quico Cadaval. En total serán catro funcións, do mércores 4 ao sábado 7 de febreiro, no Teatro Principal e ás 20.30h. O espectáculo entra no Bono de Teatro Galego e o prezo das entradas soltas será de 10 euros (8 € no anfiteatro). Poden mercarse no despacho de billetes do Principal aberto de 18:00 a 21:00 horas.

Mofa & Befa é un comando de comedia contemporánea que comprobou as súas armas nos máis hostís campos de batalla como bares, universidades, festivais vascos e/ou de teatro clásico, resultando sempre con simples rabuñaduras ou feridas leves.

Bobas & Galegas é un percorrido gozoso polos argumentos, ocupacións, preocupacións e industrias dos criados do século de Ouro, clase social que, de todos os traballadores manuais, foi a que contemplou dende máis cerca o poder, o seu ouropel, a súa erótica e a súa vaidade.

Mofa e Befa caen con todo o seu instrumental de pallasos nocturnos nun camiño solitario do século XVII castelán. Servindo a un tópico equivalente ao da aptitude natural dos negros para a danza, o galego demostra un talento natural para a obediencia e o servizo. Isto , que o faría idóneo para a práctica das armas, está beneficamente atenuado pola covardía, virtude que o empuxa ao máis incruento campo do servilismo e a curvatura lumbar.

Cando Mofa & Befa chegan aos áureos pazos de Madrid e Sevilla, fuxindo das guerras e da fame climática da súa terra, só valorados pola súa discreción, o seu descoñecemento do idioma, que ás veces pode parecer idiotez, polo seu cumprimento irreflexivo e amoral das tarefas encomendadas e unha vontade de servir que non sempre resulta utilitaria.

Bobas & Galegas
Unha persoa, que quere manter o seu anonimato, propón a Mofa & Befa e aos seus cómplices habituais, que realicen unha operación parecida a Shakespeare para ignorantes cos clásicos casteláns do Século de Ouro que serven de alimento e coartada ao hedonista festival de Almagro. Os grandes (e os pequenos) do teatro español poden prover a dous cómicos cínicos, díscolos e cósmicos como Mofa & Befa de tanto material e, quizais, de máis detonante teatralidade que a escena isabelina. Os cómicos aceptan o desafío inspirados polo académico epígrafe de Tontas e Galegas, que lles servirá de motor de busca.

Documentos relacionados



Compartir: