CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia ofrece en Sao Paulo (Brasil) o seu primeiro concerto

11/09/2006 A noite do 11 de setembro, a Real Filharmonía de Galicia ofrece o primeiro dos dous concertos que terán lugar no Teatro de Cultura Artística de Sao Paulo, que dispón dun aforo de 1.100 localidades. O concerto forma parte da tempada Cultura Artística 2006, unha das programacións musicais máis importantes do Brasil.

O repertorio deste primeiro concerto, que responde ao interese dos programadores do país, inclúe unha Obertura do compositor vasco Arriaga, así como algunhas das pezas máis populares de Falla: "Amor Bruxo", "O sombreiro de tres picos" e "Noites nos xardíns de España", que conta con Jorge Federico Osorio como solista.

Jorge Federico Osorio, que será dirixido por Antoni Ros Marbà, é un dos máis eminentes pianistas do noso tempo, un intérprete imaxinativo cunha técnica poderosa, que ten colaborado con gran número das mellores orquestras do mundo. A súa discografía abarca unha ampla variedade de repertorio grabado para EMI, CBS, IMP…recibindo sempre eloxiosas críticas en "Gramophone", "BBC Music Magazine" e "American Record Review". No 2003, Osorio foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario.

A visita da Real Filarmonía de Galicia, que chegou o pasado sábado á Sao Paulo, espertou un enorme interese na cidade brasileira que reúne a 13 millóns de habitantes. Sao Paulo conta cunha grande actividade artística, sendo doado atoparse cos grandes astros da música popular, como Gilberto Gil, Caetano Veloso, Gal Costa, etc., sen que falte a oportunidade dos grandes concertos de ópera e música clásica nos seus excelentes teatros.

Compartir: