ALCALDÍA

O dispositivo Past View Santiago permitirá ao visitante introducirse no pasado da cidade a través da realidade virtual

29/01/2015 Fitur 2015 acolleu a presentación do proxecto Past View Santiago, un novo dispositivo que permitirá ao visitante a Santiago internarse no pasado da cidade a través de reconstrucións virtuais e realidade aumentada. Este proxecto, dispoñible na vindeira temporada de verán, nace da colaboración entre Turismo de Santiago e o Departamento de Innovación do Concello.

Os asistentes ao acto, celebrado no stand de Turgalicia, puideron ver un vídeo cun adianto deste proxecto que, segundo o alcalde, Agustín Hernández, nace da aposta por "continuar preservando o noso legado histórico e amosar a importancia do noso pasado".

O proxecto Santiago Past View consiste nun dispositivo en forma de gafas, co que o visitante poderá introducirse no pasado a través de reconstrucións virtuais e realidade aumentada. As gafas irán conectadas a un Smartphone, no que un software permitirá ao usuario acceder a contidos adicionais, como información de monumentos, galería de imaxes ou locucións… O programa leva integrado un sistema GPS que manterá permanentemente xeolocalizado ao visitante e, mediante a aplicación de realidade aumentada, poderá comparar o pasado e o presente dos principais monumentos da cidade.

"Non se trata de innovar por innovar, nin de utilizar a tecnoloxía por modas; senón que se trata de aplicar os novos avances para facer da visita á cidade unha experiencia máis profunda, que permita mellorar o coñecemento do noso legado histórico", indicou Agustín Hernández.

"A nosa intención –anunciou- é que este proxecto, que é froito da colaboración entre o Departamento de Innovación do Concello e Turismo de Santiago, poida estar dispoñible na nosa oficina de información turística nesta temporada de verán".

Compartir: