ALCALDÍA

Agustín Hernández presentou en Fitur a oferta turística de pesca e excursións e a gastronomía de Área Santiago

29/01/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidiu a presentación de Área Santiago en Fitur 2015. No acto, celebrado no stand de Turismo de Galicia e no que tamén participaron os alcaldes de Silleda, Manuel Cuíña; O Pino, Manuel Taboada; e Vedra, Carlos Martínez, deuse a coñecer a ampla e diversa oferta turística desta zona, afondando nas tres principais liñas de acción para 2015: fomento do turismo de pesca; impulso á creación de excursións e paquetes turísticos polos concellos do grupo; e fomento do turismo gastronómico.

Tras detallar aos asistentes a composición de Área Santiago por 16 municipios -A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces- e a súa situación na zona central de Galicia, o alcalde recordou que o obxectivo deste grupo de municipios é "promocionar dun modo conxunto os principais atractivos turísticos dos nosos termos municipais, mostrando un destino aberto, amplo diverso, que pode ser visitado durante todo o ano". Entre os principais atractivos turísticos de Área Santiago destacou o Camiño de Santiago, a gastronomía, o patrimonio cultural e histórico e a natureza.

Dende que os 16 concellos comezaron a traballar conxuntamente a principio de 2013, a colaboración materializouse nunha web (www.areasantiago.es), nunha aplicación para móbiles, nun mapa de recursos turísticos, en material promocional, nun concurso fotográfico en redes sociais, na promoción gastronómica dentro de Compostela Gastronómica, en exposicións conxuntas ou en viaxes de xornalistas e bloggers.

Para 2015, Área Santiago quere dar un paso adiante na promoción conxunta, "consolidando Área Santiago como un destino turístico cunha oferta ampla e diversa, na que pasar uns días de descanso tranquilo, perdéndose na natureza, descubrindo o Camiño de Santiago e a nosa cultura, e gozando dunha gastronomía de calidade, con produtos de temporada", apuntou Agustín Hernández.

En concreto, anunciou para este ano "tres liñas estratéxicas que consideramos fundamentais para posicionar a nosa zona como destino: o desenvolvemento de excursións e paquetes turísticos que permitan gozar de todos os concellos; o impulso ao turismo de pesca; e o impulso ao turismo gastronómico".

Excursións e paquetes turísticos
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, foi o encargado de presentar a oferta de paquetes e excursións, un catálogo de itinerarios dun ou máis días polos diferentes concellos. Este catálogo divídese en cinco categorías: unha de excursións asociadas ás tradicións e á historia ancestral desta zona de Galicia, como a Rapa das Bestas de Sabucedo ou o santuario do Corpiño; outra dos Camiños de Santiago, que cruzan case todos os municipios do Grupo; unha terceira en torno ao Entroido; unha con percorridos gastronómicos para dar a coñecer produtos, produtores e establecementos de restauración da zona; e unha quinta con rutas artesanais, con visitas a talleres e mercados tradicionais.

A oferta está dirixida tanto a particulares como a grupos e será presentada nos próximos meses mediante un material de promoción en galego, español e inglés, cuxos destinatarios serán tanto as axencias de viaxes como o público final. Ao mesmo tempo, os 16 concellos impulsarán excursións, para que os propios veciños se convertan á súa vez nos principais embaixadores da zona.

Pesca e turismo fluvial
Da oferta de pesca e turismo fluvial deu conta o alcalde de Vedra, Carlos Martínez. Así, explicou que o territorio de Área Santiago está marcado por dous dos ríos máis importantes de Galicia, o Ulla e o Tambre, así como polos seus afluentes. A semellanza de territorios de Canadá, Irlanda ou do leste de Europa, estímase que o a pesca pode ser un recurso de gran atractivo turístico.

O obxectivo xeral é a difusión da práctica de deportes fluviais, principalmente a pesca, pero tamén o sendeirismo fluvial, o rafting, o descenso en kaiak ou o piragüismo. Tras o traballo de diagnóstico e clasificación realizado en 2013 e de implicación de pescadores e profesionais do sector a finais de 2014, para 2015 a meta é promocionar os ríos de Área Santiago como espazos privilexiados para a pesca.

Con ese fin, realizaranse dúas accións principais, a primeira das cales terá lugar no mes de marzo, coincidindo co inicio da temporada de pesca, cando se presentará unha guía turística de pesca fluvial, dispoñible en galego, castelán e inglés. Esta guía contará con toda a información precisa sobre permisos e licenzas, zonas acoutadas, especies, tramos sen morte, aloxamentos e outros recursos de interese turístico no entorno.

Xa no mes de xuño, organizarase unha viaxe para prensa especializada e persoas de prestixio no sector, coa intención de promocionar os ríos de Área Santiago en medios especializados.

Turismo gastronómico
A terceira liña estratéxica, o turismo gastronómico, foi explicada polo alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, quen presentou "Turismo Gastronómico, moi preto de Santiago", publicación que recolle o mellor da ampla oferta gastronómica de Área Santiago.

Esta guía xira en torno a varios ámbitos, un dos cales é a oferta de restauración, recollendo unha ampla selección dos establecementos e especialidades dos diferentes concellos, onde abundan restaurantes, bares, casas de comidas, tascas, pulperías, parrilladas e mesóns. Dende a cociña máis tradicional a exemplos de nova cociña, o selo denominador é o respecto polo produto local.

Outro apartado da guía está dedicado ás festas gastronómicas, cunha trintena de celebracións para exaltar produtos de excelente calidade como os pementos en Herbón, o viño Rías Baixas en Vedra, o queixo en Arzúa, o galo de curral en Vila de Cruces e O Pino, o salmón na Estrada e a troita en Oroso. Tamén se honran pratos tradicionais coma o cocido en Lalín, os callos en Silleda, a tortilla xigante en Carcacía ou as filloas en Boqueixón.

O terceiro eixe da publicación é a visita aos produtores, coa posibilidade de reservas para descubrir os segredos dos viñedos e das adegas, o leite e as queixerías, as colmeas e o mel, a cría e os cultivos, os fornos e as masas. O entorno natural e monumental é un motivo máis para achegarse á orixe dos sabores.

Tamén hai un apartado para as compras gastronómicas. Doces, queixos, embutidos, empanadas, delicatessen, viños, produtos locais e ecolóxicos e toda clase de obsequios gastronómicos poden comprarse directamente dos seus produtores en moitos puntos.

A guía complétase coas posibilidades de visita a mercados tradicionais, nos que mercar produtos frescos de produción local e artesanía, ou nos que admirar os produtos dos gandeiros ou a gandería, ademais de degustar o polvo á feira, os callos e outras especialidades galegas.

Compartir: