SERVIZOS SOCIAIS

O Concello de Santiago incrementa nun 43% a achega a Proxecto Home, que alcanzará os 60.000 euros neste exercicio 2015

28/01/2015 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, asistiu á inauguración das xornadas Entender, previr, tratar, que se celebran do 28 ao 30 de xaneiro no marco do XXV aniversario do programa Proxecto Home. No acto, celebrado na sede da entidade na rúa Cottolengo, a edil declarou a súa estima e consideración a Proxecto Home polo "transcendental papel que desenvolve na súa tripla vertente de prevención, rehabilitación e reinserción de persoas afectadas por calquera tipo de adición".

Segundo indicou María Corral, "o papel modélico e exemplar desta institución fai que as administracións públicas, e en concreto o Concello de Santiago, lle dediquen unha especial atención, apoiando en canto sexa posible a súa acción, a través dos programas e liñas de actuación que vén promovendo esta entidade". Así, lembrou a colaboración que dende a Administración municipal se vén mantendo con Proxecto Home, poñendo como exemplo as mesmas instalacións nas que se celebran as xornadas, "inauguradas hai pouco máis de dous anos sobre un terreo cedido polo Concello".

A colaboración tamén se plasma a través da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) e na contribución para a realización de distintos actos e actividades que a entidade organiza, tanto en Santiago como nas próximas instalacións das Cernadas, en Portomouro, "onde se leva a cabo un traballo modélico e enriquecedor a nivel individual, fomentando a formación profesional e con ela abrindo paso a unha futura integración no mercado laboral", recordou a concelleira.

Convenio para dous programas
Ademais, o apoio municipal plásmase nun convenio para o desenvolvemento de dous programas sobre cocaína e terapia familiar, aos que o Concello destinou 42.000 euros o pasado ano e, cantidade que este ano 2015 se incrementará un 43%, ata alcanzar os 60.000 euros.

María Corral anunciou que, cara o futuro, "a intención é manter e mesmo elevar esta colaboración, tendo en conta o novo proxecto da entidade para a creación dun albergue no edificio da súa antiga sede na rúa Virxe da Cerca, destinado aloxamento temporal de persoas rehabilitadas en proceso de inserción laboral. Un proxecto para o que o Pleno do Concello aprobou hai uns meses o necesario cambio no Plan Especial do Casco Histórico, para permitir este novo uso".

Sobre as xornadas, a concelleira explicou que, durante estes tres días, intervirán diversos expertos que, dende múltiples perspectivas, ofrecerán unha completa visión da complexidade, da implicación de persoas e de entidades e dos avances producidos para abordar o gran problema social das adicións.

Finalmente e a propósito do XXV aniversario da Fundación Proxecto Home, desexoulle a esta iniciativa e á Fundación Monte do Gozo "unha longa vida e unha traxectoria chea de éxitos", resaltando que neste cuarto de século de vida logrou asentar un "proxecto terapéutico consolidado, cunha vocación de servizo sempre anovada e adaptada ás necesidades da sociedade".

Documentos relacionados



Compartir: