CULTURA

Triple concerto de músicos galegos para inaugurar o ciclo Blues Nite by 1906 en 2015

22/01/2015 O Blues Nite by 1906 arranca neste 2015 cunha tripla proposta de blues feito en Galicia. Tres músicos experimentados como Víctor Aneiros, Pardo e Piti Sanz presentan os seus novos proxectos nunha noite especial de blues.

Víctor Aneiros Dúo Acústico chega con A soidade pide copas nos bares, Pardo presenta Let it stay e Piti Sanz trae o Galego-Go Blues (divertimento improvisado). Será este venres 23, ás 21:30 horas, na Sala Capitol. As entradas teñen un prezo de 7 euros anticipada e 9 euros o día do concerto e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, na Reixa Tenda e na Sala Capitol.

Considerado un dos pioneiros do blues-rock en galego, Víctor Aneiros comezou a súa andaina en solitario hai máis de 15 anos e o seu novo disco podería considerarse en certo xeito un resumo destes frutíferos anos de carreira. A soidade pide copas nos bares inclúe versións acústicas tiradas de tres dos seus anteriores seis discos: O blues do amencer (2004), Heroe secreto (2008) e Brétemas da memoria (2010). Xuntas, na súa nova forma acústica –pero en absoluto desenchufadas–, as pezas de A soidade pide copas nos bares compoñen un sublime fresco arredor da melancolía.

Inquedo e activo músico, o coruñés Néstor Pardo creou bandas como The Loveless Cousins (rockabilly) e All Night Workers (R&B e swing). En 2013 decide comezar a súa carreira en solitario que axiña dá como froito un disco íntimo e sincero (Waitin’ to the other side) no que xa amosa todo o seu talento. O pasado outubro entra de novo no estudio, agora acompañado por Miguel Martínez e Adrián Seijas, para gravar 12 novos temas. Nesta noite de blues, Pardo presenta en primicia Let it stay, un traballo no que poderemos aprezar a variedade das influencias que definen o estilo propio dunhas cancións cheas de personalidade.

Nesta ocasión, Piti Sanz proponnos cantar blues cas cancións populares de sempre… Nun exercicio de improvisación e divertimento, entraremos no folk sen decatarnos de que estamos facendo blues –e viceversa– con esta singular figura da música feita en Galicia. En palabras de Piti Sanz, "o público coñecerá as escalas pentatónicas (ou pentáfonas) e saberemos porqué podemos incrustar "Na beira do ma" no blues "My mojo working" ou "A Carolina" no "Crawling king snake" sen a penas decatarnos e sen cambiar melodía nen acordes". Piti Sanz quere estimular a nosa curiosidade co seu atrevido experimento Galego-Go Blues… Sen rede, sen dúbida, improvisando, bluseando, folkloreando.

Compartir: