ALCALDÍA

O alcalde destaca a "actitude modélica" dos catro clubs composteláns premiados cos Trofeos á Deportividade

21/01/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, xunto co presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, presidiu no salón nobre de Raxoi o acto de entrega dos Trofeos á Deportividade, organizados pola delegación compostelá da Federación e o Concello de Santiago.

O C.D. Belvís (2ª Rexional), o Campo da Angustia F.C. (3ª Rexional), a A.D.M. Peleteiro (Xuvenil) e o Santiago de Compostela C.F.B (Cadetes), resultaron os gañadores dos trofeos á deportividade da última temporada. A todos eles, o alcalde expresoulle os seus parabéns, así como á delegación santiaguesa da Federación Galega de Fútbol, que "organiza e fai posible a actividade de 150 clubs, 500 equipos, 42 competicións de liga e distintos torneos de copa e arredor de 8.000 partidos ao ano".

En palabras de Agustín Hernández, "probablemente existan poucos premios onde a xustiza e o merecemento apenas admitan discusión como estes, que valoran a deportividade dun equipo ao longo de todo un ano. Con estes premios distínguese o talante e o saber estar no terreo de xogo, a corrección nas formas e a meritoria traxectoria conforme ao espírito que debe reinar na práctica deportiva".

Nunha sociedade na que "a idea de competición e de competitividade o inunda todo, superando o ámbito deportivo para abranguer a práctica totalidade das manifestacións sociais", explicou, ese carácter competitivo "pode converterse nun motivo de constantes conflitos cando non se observan e cómpren as normas que velan polo correcto funcionamento do sistema e aseguran o seu pacífico desenvolvemento".

Así, apuntou que "esa actitude de respecto e de correcto actuar que garante a convivencia social ten no deporte –e no fútbol como deporte maioritariamente practicado- un viveiro para a aprendizaxe e para a difusión deses valores, desde a idade máis temperá". É unha aprendizaxe complicada, recoñeceu, pero "é sen dúbida a que máis se aprecia nos terreos de xogo e fóra deles, porque eleva o respecto pola normas e pola igualdade de oportunidades ata o seu máis elevado nivel, aquel que converte aos deportistas en verdadeiros exemplos nos campos de xogo e que preparan ao cidadán para ser tamén un modelo na súa vida social".

Por este motivo, indicou que era "unha honra poder contribuír –en colaboración coa Delegación de Santiago da Federación Galega de Fútbol- a poñer de relevo ese necesario espírito deportivo premiando aos clubs deportivos de Belvís e do Campo da Angustia en 2ª e 3ª rexional, aos xuvenís do Manuel Peleteiro e aos Cadetes do Santiago de Compostela B, que ao longo da temporada pasada souberon expresar o respecto e a consideración para cos rivais e os árbitros en cada partido".

O alcalde destacou que estes catro clubs son habituais nesta entrega de premios, xa que o Belvís é a 5º tempada que o recibe, o Campo da Angustia a 4ª, o Manuel Peleteiro a 3ª e o Santiago de Compostela B a 2ª. Para Agustín Hernández, "iso indica a importancia que neses clubs acada a deportividade, como un valor moi importante a promover, e que hai unha vontade clara de integrar o xogo limpo nos seus equipos como algo fundamental e consubstancial coa práctica deportiva", engadiu.

"Estes trofeos veñen a recoñecer esa actitude modélica e deben ser motivo de orgullo para os seus clubs, para cada un dos xogadores e, desde logo, é un motivo de orgullo para o Concello de Santiago polo que significan de exemplo e de referencia, non só para o deporte local, senón pola difusión duns valores fundamentais para a vida cidadá e para unha convivencia sa e saudable", concluíu o rexedor municipal.

Compartir: