CULTURA

O VII Ciclo de Lied homenaxeará a Schumann, Mozart, Mussorgski e Shostakovich

11/09/2006 Por sétimo ano consecutivo chega a Compostela o Ciclo de Lied, que se desenvolverá no Teatro Principal grazas a catro concertos e unha conferencia. Nesta edición, o evento rende homenaxe a catro autores a propósito do cumprimento de varios aniversarios. Hai 250 anos da morte de Mozart, pero tamén 150 anos da morte de Schumann, un século dende o nacemento de Shostakovich e 125 anos do falecemento de Mussorgski.

Exemplo de continuidade e calidade. Así definiu o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, este ciclo, "capaz de captar a atención do público compostelán e da crítica especializada". O de Santiago é un dos tres ciclos de lied que se celebran en España, xunto co de Madrid e Valencia. A nota diferencial do de Compostela é que é o único que se presenta cunha temática nova cada ano, segundo apuntou o director do certame e presidente da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza.

"Aniversarios" é o título da edición do 2006, que contará con cantantes de grande recoñecemento, como a soprano Joan Rodgers, que cantará unha selección de pezas de Mozart, Schumann, Mussorgski e Shostakovich o venres 15 de setembro.

Unha semana despois, tomará o relevo a mezzosoprano Christianne Stoijn, quen interpretará unha ampla mostra dos lied de Schumann e achegará ao público a outra das figuras da composición rusa, Tchaikovski. A seguinte actuación celebrarase o 13 de outubro e o protagonista será o baixo holandés Robert Holl, unha das voces máis importantes das últimas décadas. Interpretará unha selección de Schumann, Schubert e Mussorgski. E para rematar, o 20 de outubro, turno para o tenor inglés John Mark Ainsley, quen se centrará en Mozart e Schumann.

Estes catro cantantes estarán acompañados ao piano nos diferentes concertos polo pianista Roger Vignoles, especializado no xénero do lied e recoñecido en todo o mundo. Ademais, el será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural, o xoves 14 de setembro, ás 20:00 horas, na Facultade de Xeografía e Historia.

As entradas estarán á venda o día de cada concerto no Teatro Principal, ao prezo de seis euros. Ademais, pódese mercar un abono de 15 euros para os catro concertos. Tódalas actuacións comezarán ás 21:00 horas.

Compartir: