SERVIZOS SOCIAIS

O Concello incrementa nun 32% a achega a Cáritas, que alcanza os 140.000 euros en 2015

20/01/2015 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, participou no acto de entrega de diplomas acreditativos de accións formativas promovidas por Cáritas Interparroquial de Santiago dentro do II Plan Galego de Inclusión Social e do Proxecto Integra-Rocha, dos que se beneficiaron 73 persoas de colectivos de difícil inserción.. O Concello vén colaborando activamente con esta entidade social e para 2015 incrementou nun 32% a partida destinada á mesma nos orzamentos municipais, pasando dos 106.000 aos 140.000 euros.

María Corral felicitou os beneficiarios destas accións formativas, que favorecerán a súa integración laboral, e tamén a Cáritas Interparroquial e á Consellería de Traballo e Benestar, xa que "coa súa acción coordinada, fixeron posible esta completa programación formativa ao longo de 2014, da que se beneficiaron moitas mulleres e homes que a partir de agora contan cun novo patrimonio persoal para afrontar con mellores expectativas o seu futuro".

Ademais, aproveitou para lembra os programas que dende a Concellería de Servizos Sociais se levan a cabo para "afrontar as complexas situacións de necesidade que calquera pode sufrir nun determinado momento da súa vida". Nese labor de "manter unha rede funcional para a aplicación dos servizos sociais básicos", destacou a "vital importancia" do traballo de entidades como Cáritas de Santiago, que "fan da cooperación e da solidariedade dous elementos claves para facer efectiva a inestimable función de organización e coordinación do voluntariado social".

De aí o esforzo do Concello de Santiago por fortalecer o traballo que realiza Cáritas Interparroquial, "coincidente e complementario co que ten encomendado a propia Administración local". Neste sentido, a concelleira falou sobre a colaboración continuada e sostida no tempo que se vén mantendo con esta entidade a través de dous convenios, "aos que destinamos no pasado ano 106.000 euros, e que imos aumentar nun 32% para o ano actual, ata acadar os 140.000 euros", dixo.

Eses dous convenios, explicou, "permiten atender a persoas que sofren marxinación ou necesidades de primeira orde que, entre outros aspectos, lle afectan á propia alimentación, medicamentos, necesidades de vivenda ou pagamento de servizos básicos, indispensables para a actividade diaria".

Neste eido da atención social, tamén se referiu María Corral ao programa de atención primaria municipal, grazas ao cal, ata o pasado ano 2014, se realizaron máis de 4.000 actuacións, "o que pon de relevo a importancia desta acción conxunta". Por iso, insistiu, "dende o Concello de Santiago imos seguir impulsando e animando esta colaboración con Cáritas, que permite desenvolver un admirable labor de atención ás persoas máis necesitadas".

A concelleira rematou a súa intervención reiterando o agradecemento ao "traballo, na súa maior parte de carácter voluntario e sen remuneración material, que prestan todas as persoas e entidades que, como Cáritas Interparroquial de Santiago, axudan ás administracións públicas a facer efectivo o cumprimento do principio de universalidade dos servizos sociais co obxectivo de garantir as condicións básicas de vida para os colectivos en situación de emerxencia social ou de especial vulnerabilidade".

Compartir: