CULTURA

"Anne Sullivan e Helen Keller (A loita pola inclusión social)", de Roberto Cordovani, no Bono de Teatro Galego (e Portugués)

19/01/2015 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e Roberto Cordovani, director da CIA Internacional de Teatro de Repertório Arte Livre, presentaron a estrea en España de Anne Sullivan e Helen Keller (A loita pola inclusión social), que se enmarca dentro da programación do Bono de Teatro Galego (e Portugués). Haberá dúas funcións da obra este martes 20 e o mércores 21 de xaneiro, ambas ás 20:30 horas e no Teatro Principal. Ademais de enmarcarse no Bono poden adquirirse tamén entradas soltas, a un prezo de 10 euros, no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre de 18:00 a 21:00 horas.

Roberto Cordovani falou tamén na rolda de prensa do filme Ollares de perfil (O mito Greta Garbo), que está a rodar agora mesmo en Mondariz e despois seguirá en Tui. Están no noso país rodando dende decembro e trátase do primeiro filme que dirixe Cordovani, quen xa se achegou á figura de Greta Garbo co espectáculo teatral Divina Garbo, cuxa estrea absoluta tivemos en Compostela en febreiro do 2013 dentro do ciclo Teatro & Danza.

Anne Sullivan e Helen Keller (A loita pola inclusión social) é a historia de Helen Keller e da súa preceptora Anne Sullivan, dunha relación de complicidade entre dúas mulleres que sofren de deficiencias físicas (xordeira e cegueira) e combaten as dificultades de integración na sociedade norteamericana. Helen Keller perdeu a vista e o oído aos 19 meses de idade e aos 7 anos comezou a gañar a súa autonomía coa chegada da súa profesora, tamén cega. Xornalista, filósofa e activista política, Helen Keller é, á par de Anne Sullivan, sinónimo da loita pola inclusión social e a dignidade humana.

Compartir: