XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o expediente de contratación do servizo de mantemento do sistema semafórico da cidade e do túnel do Hórreo

19/01/2015 A Xunta de Goberno extraordinaria celebrada este 19 de xaneiro aprobou o expediente para a contratación do servizo de conservación e mantemento das instalacións do sistema de control de tráfico e do túnel do Hórreo. O procedemento de adxudicación será aberto e contempla a prestación do servizo por un prazo de dous anos, con posibilidade de prórroga por outros dous exercicios, establecendo un importe de licitación de 575.516 euros/ano.

O contrato de conservación e mantemento das instalacións para o control do tráfico na cidade de Santiago integra diversos subsistemas nucleados arredor do centro de control de tráfico, que permite consultar o estado do tráfico, cambiar o funcionamento dos equipos e detectar automaticamente as incidencias producidas.

O servizo que se vai licitar inclúe, ademais do propio centro de control de tráfico, a regularización semafórica a través dun subsistema en torno a tres centrais de zona radicadas na praza de España e nas encrucilladas do Camiño Novo coa avenida do Mestre Mateo e da avenida de Lugo coa rúa do Hórreo.

En total, trátase de 80 puntos de medidas con 128 espiras para a detección do paso de vehículos. Tamén se inclúe un subsistema non centralizado que se estende polas zonas da periferia, regulador de 37 cruces e que conta con 5 controis de velocidade e 3 sinais ocultas, ademais de 21 espiras para a detección do paso de vehículos.

Nesta regularización semafórica inclúese o equipo "fotovermello" para sancións automáticas instalado na intersección dos Concheiros.

No prego de contratación tamén se detalla o mantemento do subsistema de circuíto pechado de televisión (30 conxuntos de cámaras de intemperie, equipos receptores-transmisores, unha matriz de conmutación de vídeo, 12 monitores de 32 polgadas, seis paneis videowall de 50 polgadas e dúas pantallas, entre outros elementos); o control dos seis sinais de aparcadoiros urbanos, catro sinais aspa-frecha e a correspondente rede de comunicacións coa central de control.

Tamén se deberá manter o subsistema de acceso á zona peonil (con sete pilonas, lectores de matrícula e bolardos), cinco sinais luminosos de incidencia de velocidade, tres sinais informativos de fibra e sete verticais de led, as canalizacións e arquetas de todos os subsistemas e os 39 paneis informativos de sinalización fixa que se sitúan nas principais rúas de acceso á cidade.

Túnel do Hórreo
Por último, no túnel do Hórreo, os labores de conservación e mantemento diríxense ao control da ventilación, iluminación, instalación eléctrica, sistema contra incendios, postes sos, circuíto pechado de televisión, detección do tráfico, sistema de megafonía, centro de control e radar interior.

A insuficiencia de medios persoais e materiais, así como a especialización necesaria para a súa prestación motivan que, dende o ano 2010 ata a actualidade, o servizo de mantemento do control do tráfico na cidade veña sendo prestado por unha unión temporal de empresas que resultou adxudicataria por un período de catro anos, prorrogable ata un máximo doutros dous anos. No anterior procedemento de contratación, cando aínda o túnel do Hórreo non estaba en servizo, o importe de licitación establecerase en 552.835 euros/ano.

Compartir: