ALCALDÍA

Rematadas as obras de mellora de accesibilidade e información na estación de autobuses de Santiago

15/01/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, visitou as obras de mellora realizadas na estación de autobuses de Santiago, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas. Esta intervención, realizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no marco do seu Plan Renove, supuxeron un investimento de 350.000 euros.

As obras na estación compostelá, que entrou en servizo en 1971, centráronse na accesibilidade, na calidade das instalacións e nos sistemas de información. Así, realizouse unha adaptación ás novas normativas de accesibilidade, tanto dende o punto de vista dos modos de transporte como dos usuarios.

Reconstruíronse as ramplas de acceso peonil á estación e realizouse dunha nova rampla para acceder aos aseos da entreplanta. Todas elas coas incorporan as súas respectivas varandas e un pavimento podotáctil no seu inicio.

Ademais, substituíronse as escaleiras mecánicas de acceso dende a entreplanta ás dársenas por outras novas, eliminando os chanzos existentes na súa base e ampliando o foso da maquinaria. Outra mellora executada foi a adaptación das escaleiras fixas que unen a planta principal coa entreplanta.

A todo isto hai que engadir as melloras nos ascensores e o pintado de varias prazas de aparcamento para as persoas con mobilidade reducida. Por último, cambiáronse o falso teito dos aseos da planta principal e as lámpadas das plataformas por outras de maior potencia.

Obras municipais complementarias
Agustín Hernández indicou que o Concello, a través de TUSSA, realizou outras obras complementarias, como a reparación e reforzo das pedras da fachada da estación, e o pintado de ambas entradas e da zona de escaleiras entre a planta principal e a entreplanta.

A maiores, está previsto realizar obras de mantemento na zona de plataformas, así como ampliar a rede wifi xa existente na planta principal á zona de plataformas.

Compartir: