ALCALDÍA

Agustín Hernández anuncia un novo Plan Estratéxico de Turismo de Santiago de Compostela cara o Ano Santo 2021

13/01/2015 Agustín Hernández amosou ante o Foro de Directores de Hotel o compromiso do Concello para impulsar o sector turístico nos vindeiros anos mediante un novo Plan Estratéxico. O Alcalde tamén valorou os resultados turísticos do ano 2014, que cualificou como moi positivos xa que se conseguiron os mellores datos dende o ano Santo 2010.

O Alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou ante o Foro de Directores de Hotel que o Concello abordará dun xeito inmediato a elaboración dun novo Plan Estratéxico de Turismo de Santiago de cara ao periodo 2015 – 2021, que rematará coa celebración dun novo Ano Santo.

Os dous obxectivos principais do Plan Estratéxico serán adaptar as estratexias de promoción e dinamización turística da cidade ás novas características do mercado e preparar a cidade para que o Ano Santo 2021 sexa un fenómeno universal.

O Alcalde, que estivo acompañado na reunión pola Concelleira de Turismo, Reyes Leis, amosou a disposición do Concello a contar dende o primeiro momento coa colaboración do sector turístico da cidade na elaboración deste novo Plan Estratéxico, que guiará as actuacións de Turismo de Santiago nos vindeiros anos. Neste sentido, quixo agradecer as diferentes propostas feitas polo Foro de Directores na reunión, que serán analizadas polo miúdo.

Agustín Hernández tamén aproveitou a reunión para facer unha primeira valoración dos datos do 2014, a falta de coñecer as cifras correspondentes ao mes de decembro que o INE publicará nas próximas semanas. O Alcalde destacou que o 2014 pechouse con arredor de 1.160.000 pernoctacións, a mellor cifra dende o pasado Ano Santo 2010 e a terceira mellor dos últimos
dez anos, só por detrás do propio 2010 e do 2009.

Segundo o Alcalde, os bos datos do 2014 foron posibles grazas a dúas razóns. Por unha banda, ao aumento constante do turismo internacional, que no 2014 marcou o terceiro récord consecutivo en pernoctacións foráneas na historia da cidade, con preto de 475.000, 100.000 máis que no ano 2011. Por outra banda, á recuperación do mercado doméstico, que no ano pasado chegou ás 680.000 e un crecemento do 5% respecto do 2013.

Agustín Hernández tamén prantexou os obxectivos globais de cara ao 2015, ano no que se pretende dar un novo impulso ao crecemento deste ano, superando por primeira vez nun ano non Santo o 1.200.000 pernoctacións. Segundo o Alcalde, este obxectivo poderá conseguirse mediante un novo máximo do turismo internacional, que por primeira vez superará o medio millón de noites de hotel na cidade, e a continua recuperación do mercado español, que grazas ao crecemento económica previsto volverá a cifras previas á crise,
situándose por riba das 700.000 pernoctacións.

Compartir: