CULTURA

Lola Herrera e Héctor Alterio, por primeira vez xuntos en "En el estanque dorado", coa que se inagura o ciclo de Teatro

12/01/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron esta mañá o avance da programación do ciclo de Teatro para xaneiro e febreiro. Lola Herrera, Héctor Alterio, Juan Fernández, Guillermo Barrientos, María Galiana, Juan Echanove, Iñaki Miramón e Toni Acosta, son algúns dos actores e actrices que presentarán os seus traballos na nosa cidade dentro do ciclo. As entradas poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal, así como na web e teléfono de Abanca e os días de espectáculo tamén na billeteira do Auditorio Abanca desde dúas horas antes do comezo do evento.

A programación comeza este mesmo xoves, 15 de xaneiro con ‘En el estanque dorado’ ás 20.30h no Auditorio Abanca (os catro espectáculos serán neste Auditorio). Coñecida mundialmente ao través da película de 1982 protagonizada por Katherine Hepburn e Henry Fonda, ‘The Golden Pond’ foi traducida a máis de 30 idiomas e producida en máis de 40 países dende a súa estrea en Broadway en 1979. E agora, En el estanque dorado chega por primeira vez aos teatros españois co protagonismo de Lola Herrera e Héctor Alterio, dous grandes que soben por primeira vez xuntos aos escenarios.

O 24 de xaneiro poderemos ver ‘El nombre de la rosa’ que estaba na programación do pasado ano pero tívose que suspender polo falecemento dun dos actores do elenco. ‘El nombre de la rosa’ (1980) é a primeira novela do italiano Umberto Eco e nela narra as peripecias de frei Guillermo de Baskerville e o seu alumno, Adso de Melk, mentres tratan de desentrañar unha serie de estrañas mortes que se suceden nunha abadía beneditina no século XIV. Coa Idade Media como pano de fondo, ‘El nombre de la rosa’ é unha orixinal mestura de relato detectivesco e novela culta. Dirixida e adaptada por Garbi Losada trátase dunha produción de catro compañías de San Sebastián, Logroño, Madrid e Cáceres, protagonizada por Juan Fernández e Guillermo Barrientos.

María Galiana e Juan Echanove protagonizan ‘Conversaciones con mamá’ que chega á cidade o 1 de febreiro. Mamá ten 82 anos e o seu fillo Jaime, 50 Ambos os dous viven en mundos moi diferentes. Pero un día acontece o inesperado; a empresa para a que traballa Jaime déixao na rúa por razóns de reaxuste de persoal. A lamentable situación lévao a decisións drásticas porque non pode manter o seu tren de vida. Juan e a súa nai conversan durante hora e media dun espiñento tema que nos provoca risas e emoción... Echanove destaca a necesidade que sentiu, en canto leu o texto de Santiago Carlos Oves, de levalo a escena, protagonizalo e dirixilo e de compartir este traballo con María Galiana.

Pechamos a programación de febreiro o venres 13 con ‘De mutuo desacuerdo’ protagonizada por Iñaki Miramón e Toni Acosta. Sandra e Ignacio acaban de divorciarse. En común teñen doce anos de matrimonio e un fillo a punto de cumprir nove. Certos episodios escolares do seu fillo obrigan a Sandra e Ignacio a verse máis do desexable… Están condenados a entenderse mentres sigan a exercer como pais e, se poñerse de acordo xa lles resultou imposible durante o seu matrimonio, agora esa idea parécelles de ciencia-fición. Existe a amizade… despois do divorcio? Lonxe de calquera punto de vista moral ou simplificador, ‘De mutuo desacuerdo’ é un retrato, dende o humor, das novas familias do século XXI nas que non hai bos nin malos, tan só dúas personaxes que se equivocan e que intentan emendar eses erros do mellor xeito posible.

Compartir: