EDUCACIÓN

Cheo total na estrea do festival "aXente corrente, Galo Mirindolo", de educación vial

10/01/2015 O Teatro Principal acolleu a presentación do Libro-CD "Axente Corrente, Galo Mirindolo", cunha actuación musical con pezas preparadas a tal efecto por Xoglares na que participou o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a conselleira de Educación, Maite Cancelo, e que rexistrou cheo total. Esta é unha das primeiras actividades coas que se pon en marcha o programa didáctico de educación viaria "aXente Corrente", realizada por Agasalle Contenidos e que conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a través do Departamento de Educación.

O alcalde destacou o carácter lúdico do programa que "trata de ensinar divertindo" divulgando o coñecemento canto a seguridade viaria "que está presente nas nosas vidas dende que comezamos a andar", dixo.

"Agasalle Contenidos", en colaboración co Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e o Departamento de Mobilidade e Seguridade, pon en marcha o Programa "aXente Corrente", unha proposta de educación viaria infantil que ten como un dos obxectivos principais -a través dunha acción educativa multidisciplinar- promover un cambio de actitudes e de hábitos no comportamento viario, unha maior concienciación e a necesidade de ter un comportamento seguro, convertendo aos nenos en protagonistas desta acción.

Outros dos obxectivos deste programa son:
• Dotar de "responsabilidade" ao neno/a dentro do vehículo e nas vías públicas.
• Iniciar e reforzar conceptos de educación viaria.
• Familiarizarse ou recoñecer segundo o caso, algún dos elementos que constitúen a linguaxe de tráfico: semáforo, beirarrúa, calzada, paso de peóns, cinto de seguridade,...
• Descubrir e recordar, segundo o caso, a importancia das normas e sinais de tráfico para a súa seguridade e a de todos.
• Adquirir hábitos de conciencia cidadá referidos á circulación: respecto, solidariedade ...
• Fomentar a autonomía persoal.

Esta iniciativa está dirixida ao alumnado e ao profesorado de Educación Infantil e Primaria, como unha actividade curricular e cunha metodoloxía adaptada ás diferentes idades e etapas dos participantes. Os nenos e nenas son especialmente vulnerables ao tráfico debido á súa inexperiencia. O profesorado e as familias poden educar aos rapaces en materia de seguridade viaria pero estes ao final son sempre os protagonistas da aprendizaxe.

Este proxecto contén, entre outras, as seguintes propostas:
- Material didáctico de apoio para traballar conceptos de educación viaria: Libro-disco "aXente corrente". Cada centro participante no proxecto recibirá este material para traballar co alumnado os contidos relacionados coa seguridade viaria a través de actividades educativas na aula. Este material didáctico conta cun libro-guía para o profesorado e os contidos, obxectivos, destrezas e tarefas de cada actividade.
- Contacontos musical de educación viaria baseado no libro-disco "aXente Corrente-Galo Mirindolo" (que poden ver no facebook "AXente Corrente"). Esta sesión de contacontos estará a cargo dunha educadora e un mestre de música e ten unha duración aproximada da sesión de 50 minutos.

Información
Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela
Tf. 981 554400 dptoeducacion@santiagodecompostela.gal
Agasalle Contenidos
Tf 981 071023 axentecorrente@gmail.com
https://www.facebook.com/pages/AXente-Corrente/1568740086690819?ref=hl

Compartir: