ALCALDÍA

A XV Festa da Solidariedade do Proxecto Home reuniu en Compostela a unhas 2.500 persoas

09/09/2006 O Proxecto Home Galicia e a Asociación de Familias e Amigos do Proxecto Home Galicia celebraron una ano máis a Festa da Solidariedade, que este ano chegou á súa décimo quinta edición. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou neste evento, que se converteu nun acto de confraternidade para unir aos mozos e mozas en rehabilitación e ás súas familias, amigos, voluntarios e equipo terapéutico. Unhas 2.500 persoas asistiron a esta festa.

Os actos comezaron na Praza do Obradoiro, onde se reuniron todos os participantes, para dirixirse a continuación á Catedral de Santiago e asistir á misa do peregrino. Logo reuníronse todos nun xantar no Multiusos do Sar e, trala comida, turno para as representacións artísticas a cargo dos usuarios dos distintos centros do Proxecto Home.

O evento serviu de punto de encontro de todas as persoas que forman parte da realidade do Proxecto Home Galicia e para transmitir unha mensaxe clara a toda a sociedade galega: o total rexeitamento da droga e a axuda incondicional á persoa con adicción, apostando fortemente pola solidariedade como punto vital para a erradicación desta lacra.

O Concello de Santiago colabora activamente con Proxecto Home. O propio alcalde asinou recentemente un convenio de colaboración con esta entidade, a fin de realizar diversas actividades en programas como o de rehabilitación social para persoas adictas a opiáceos. O acordo, que contempla unha achega municipal de 30.000 euros, afecta tamén ao programa destinado a persoas adictas a psicoestimulantes (cocaína e outras drogas) e ao programa de prevención escolar "Entre Todos", ademais doutros servizos transversais: terapia familiar, servizo médico, servizo xurídico, traballo social ou centro de estudios.

Compartir: