CULTURA

Maxia, música, clown, contos, títeres e teatro na programación do ciclo Infantil&Familiar

08/01/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentaron a programación que inclúe 11 espectáculos de xaneiro a marzo.

A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron esta mañá as propostas do ciclo Infantil&Familiar para os meses de xaneiro a marzo. Son un total de 11 espectáculos nos que os máis pequenos da casa poderán gozar da maxia, a música, o clown, os contos, os títeres e o teatro en diferentes espazos: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, Zona C e Auditorio Abanca. Na programación, que comezou xa o pasado venres coa maxia de Jorge Blass, participan a Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música.

Tras Jorge Blass, o ciclo ofrece unha nova cita este sábado, 10 de xaneiro, co polifacético mago e artista Willy Monroe. Este virtuoso do ilusionismo presenta en Santiago, en concreto no Auditorio Abanca, o seu espectáculo ‘Globsesión’, maxia cómica con globos que envolverá ao espectador amosando un mundo fantástico ante os seus ollos. O sábado 17 de xaneiro continuaremos con maxia, nesta ocasión no Teatro Principal e da man do galego Mago Teto. Presenta o espectáculo ‘O afiador’ que xira en torno a unha roda de afiar dos anos 30 herdada polo mago Teto dos seus antepasados. O espectáculo está dirixido a maiores de 5 anos e nel a maxia xoga con elementos típicos dos afiadores: coitelos, tesoiras, paraugas, etc… Pechamos a programación de xaneiro con música clásica, en concreto cun concerto familiar da Real Filharmonía de Galicia. Será o sábado 24 no Auditorio de Galicia dirixido por Manuel Hernández Silva cun programa recomendado para maiores de 7 anos e no que a nosa orquestra achegará aos nenos e familias a obra do compositor Robert Schumann.

En febreiro teremos tres propostas dentro do ciclo. Comezamos co clown e a maxia cómica da Cía Mundo Mandarina que presenta ‘Un Ramón de Mandarinas’ o domingo día 1 no Teatro Principal. Trátase dun espectáculo cheo de tenrura, humor e maxia que acadou xa numerosos premios. O domingo día 8 a Banda Municipal de Música presenta, no Teatro Principal, ‘Contos e aventuras’, dirixida por Juan Miguel Romero Llopis e con Paula Carballeira como narradora. E o sábado 28, chega a Compostela Yunke, subcampión do mundo de ilusionismo. Este televisivo mago presentará ‘Conjuro’ no Auditorio Abanca, un show para todos os públicos que xira arredor dun ilusionismo inédito en España que os espectadores adoitan tardar en esquecer.

O mes de marzo ofrece catro propostas para o público infantil e familiar. Comezamos co exitoso teatro para bebés que de seguro moitos pais composteláns estaban agardando. Teatro de Semente, presenta ‘Chios’ na Zona C, trinta minutos de poesía sensorial para bebés de 0 a 3 anos con cantigas, bailes, música, poemas visuais, xogos e estimulación olfactiva e táctil. O sábado 7 de marzo temos unha nova proposta da Banda Municipal de Música, nesta ocasión en colaboración con Fantoches Baj. Presentan ‘Pedro e o lobo’ no Auditorio de Galicia para nenos e nenas de 3 anos en diante.

O sábado 14 de marzo chega a Compostela Ara Malikian. Brillante e expresivo, cun estilo propio e orixinal forxado a partir das súas orixes e vivencias, Malikian é un persoeiro singular na escena musical actual. Celebra o seu 15ª aniversario en España cun concerto que inclúe o mellor destes 15 anos e que poderemos ver no Auditorio de Galicia. E pechamos o mes de marzo con música clásica da man da Orquestra do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e a Real Filharmonía de Galicia. Ralph Vaughan Williams e Franz Schubert son os autores deste novo concerto familiar que poderemos escoitar o 21 de marzo baixo a dirección de Maximino Zumalave e con Rafael López de la Torre como tuba solista.

Compartir: