CULTURA

12 propostas de humor para o primeiro semestre do ano no ciclo Falabaratos

07/01/2015 Presentaron o programa esta mañá a concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron esta mañá a programación do ciclo Falabaratos para o primeiro semestre do 2015. Un total de 12 propostas que seguramente se completarán con outras que aínda non se puideron pechar a día de hoxe. Manquiña, Rober Bodegas, Mofa e Befa, Ernesto Sevilla, Santi Rodríguez, Miki Nadal, Ana Morgade, Ángel Martín, Ricardo Castella ou Dani Mateo son algúns dos artistas que visitarán Compostela traendo o mellor do seu humor.

Abrimos programa este mesmo venres, 9 de xaneiro cunha nova edición, xa a cuarta, das Noites de Retranca SCQ que celebra o seu quinto aniversario. Faino con Manquiña, Rober Bodegas e Mofa e Befa no Auditorio Abanca nunha noite de humor galego ben especial. O domingo 25, e xa no Teatro Principal, Os sete magníficos máis un presentan ‘Bivalvos como galegos’, dirixida por Iván Prado e con escenografía de Kukas.

En febreiro teremos en Compostela a tres dos humoristas máis coñecidos do panorama español. O día 7 estará no Auditorio Abanca, Pablo Chiapella co seu ‘Sí, soy el señor’; o 20 de febreiro riremos con Ernesto Sevilla en ‘Sí a todo’ tamén no Auditorio Abanca e o 26 poderemos gozar con ‘Como en la casa de uno… (en ningún sitio)’ de Santi Rodríguez., nesta ocasión no Teatro Principal.

Nos meses de marzo a xuño volveremos a ter a visita de televisivos humoristas. O sábado 7 de marzo presentan ‘Cómicamente’ Alex Clavero, Sara Escudero e David Amor no Teatro Principal e o domingo 15, desta vez no Auditorio Abanca, poderemos ver a Miki Nadal que nos vén a presentar a súa ‘Mikipedia’. En abril teremos no Auditorio Abanca aos xenios do absurdo Raúl Cimas e Julián López con ‘Toda la verdad sobre el oso hormiguero’ o día 10, mentres que Ana Morgade chega coas súas ‘Morgadeces’ o sábado 18 ao Teatro Principal.

O venres 8 de maio Ángel Martín e Ricardo Castella estarán no Teatro Principal co seu novo show ‘Love and pain’ e o mesmo fará Dani Mateo o 30 de maio no Auditorio de Galicia: presentar o seu novo espectáculo no que aínda está traballando polo que non está pechado o nome. Pechamos a programación deste semestre de Falabaratos co ‘Ultrashow’ de Miguel Noguera o sábado 6 de xuño no Teatro Principal.

Venta de entradas As entradas para todos os espectáculos poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18.00 a 21.00h de martes a sábado e días de evento), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com. Ademais, para os que son no Auditorio de Galicia e no Auditorio Abanca, poden mercarse entradas o propio día do evento neses recintos desde dúas horas antes do inicio do espectáculo.

Compartir: