TURISMO

Compostela Gastronómica clausura con éxito a súa edición especial de Nadal

06/01/2015 A Aula Gastronómica do Mercado de Abastos acolleu o programa de obradoiros no que participaron máis de 500 adultos e nenos. Degustacións e tapas elaboradas por diversos restaurantes da cidade compuxeron a oferta gastronómica no Mercado de Nadal da Quintana

Compostela Gastronómica clausura a súa edición especial de Nadal tras case un mes de actividades relacionadas coa cociña e as festas navideñas. Nesta nova iniciativa, que seguiu o ronsel marcado pola primeira edición, volvéronse subliñar os valores diferenciais do evento: o Mercado de Abastos, o produto galego e os cociñeiros de Santiago.

Entre o 11 e o 13 de decembro, a nova Aula Gastronómica do Mercado de Abastos acolleu o ciclo de obradoiros dirixido a público adulto, tanto profesionais coma afeccionados, cuxo eixe temático foi a cociña de tempada outono-inverno, pero centrándose especialmente na época do Nadal. Un total de 13 propostas moi variadas e impartidas por recoñecidos profesionais, que abrangueron dende a elaboración de turrón artesán de chocolate ata a selección e preparación do marisco galego, pasando polo adorno da mesa ou a elección de viños, e na que se concedeu especial protagonismo aos produtos galegos como a castaña ou o Galo de Curral. O televisivo chef Abraham García, a sumiller Eva Pizarro, o barman Diego Mosquera ou o Premio Nacional de Gastronomía "Mellor Maitre 2012", Nacho Costoya, xunto a destacados cociñeiros da cidade como Alberto Lareo, Manel Oliveira ou Vanesa Vera, foron algúns dos encargados de impartir estes obradoiros nos que participaron 345 persoas.
Compostela Nadal Peques

Os sábados de Nadal, do 20 de decembro ao 3 de xaneiro inclusive, foi a quenda para os obradoiros dirixidos ao público máis novo. 6 actividades creativas para nenos e nenas de 6 a 12 anos, nas que os participantes puideron aprender a elaborar receitas do Nadal a base de produtos tradicionais galegos como o chourizo, o queixo ou diversas hortalizas. Ademais de espertar o interese pola gastronomía nos máis pequenos, fomentando a alimentación saudable dende un punto de vista divertido, creativo e atractivo, o ciclo infantil foi concibido así mesmo como unha actividade para promover as compras do Nadal, facilitando a dispoñibilidade de tempo a nais e pais. Un total de 159 nenos e nenas aprenderon nestes obradoiros a preparar tartaletas, boliños, turrón de chocolate ou o tradicional carbón de Reis.

Compostela Gastronómica no Mercado de Nadal
Do 12 de decembro ao 5 de xaneiro, a Praza da Quintana acolleu a primeira edición do Mercado de Nadal. Ademais das diversas actividades paralelas pensadas para nenos e maiores, como o carrusel central da praza, actuacións musicais, escenario Photocall, obradoiros creativos e gardaría-ludoteca gratuíta, o Mercado de Nadal contou con 15 postos nos que foron rotando un total de 65 comerciantes representativos dos produtos artesanais e gastronómicos relacionados coas festas navideñas. Compostela Gastronómica dispuxo tamén dun stand polo que pasaron unha decena de establecementos hostaleiros da cidade e no que ofreceron aos visitantes tapas e racións especialmente elaboradas para a ocasión. Finalmente, diferentes restaurantes da cidade ofreceron as súas propostas gastronómicas específicas vinculadas ao produto de temporada coincidindo coa celebración de Compostela Gastronómica Nadal.

Compostela Gastronómica é un evento que naceu o pasado mes de setembro para posicionar a cidade de Santiago como destino gastronómico de primeiro nivel. O obxectivo principal desta nova iniciativa foi o de consolidar a marca ‘Compostela Gastronómica’ a través dun evento que continuase coa liña marcada na primeira edición, pero centrando os seus contidos nos produtos galegos de tempada e nos cociñeiros e profesionais do sector da cidade.

Compartir: