ALCALDÍA

Ofrenda floral a Valle-Inclán no 79º aniversario do seu pasamento

05/01/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu en Boisaca á ofrenda floral a Ramón María del Valle-Inclán con motivo do 79º aniversario do seu pasamento.

A Fundación Valle-Inclán, presidida por Gerardo Fernández Albor, rendeu homenaxe un ano máis ao xenial escritor vilanovés, falecido na capital compostelá en 1936. No acto, o rexedor lembrou a "especial vinculación da cidade de Santiago de Compostela na vida e na obra de Valle-Inclán. Aquí chegou cando contaba pouco máis de 10 anos, aquí ingresou na Universidade e aquí iniciou a súa actividade literaria en publicación locais e aquí regresaría en 1935 para pasar os últimos meses da súa vida. Foi, polo tanto, un compostelán de residencia e tamén un compostelán de vocación, do que deixou abundantes probas nas súas admirables creacións literarias".

Esta ofrenda floral, que pon de realce os 79 anos do pasamento de Valle-Inclán, sitúanos no inicio do ano previo ao 150 aniversario do seu nacemento, que se cumpre en 2016.

Unha data na que as distintas entidades e institucións –entre elas, o Concello de Santiago- articularán unha proposta conxunta para honrar e difundir como se merece o legado deste galego universal. Antes de rematar, Hernández quixo facer unha mención moi especial para Isaac Díaz Pardo, "compostelán ilustre, medalla de ouro e fillo predilecto da cidade, que tal día como hoxe tamén nos deixou hai tres anos. Os seus restos descansan moi preto dos de Valle- Inclán, a quen tanto admirou, e ambos comparten un lugar de excepción, non só no universo cultural de Galicia, senón no corazón dos galegos e das galegas, e de forma moi especial, entre os veciños e veciñas de Santiago."

O acto de recoñecemento do aniversario do pasamento de Valle-Inclán súmase ás actividades que desenvolve a súa Fundación nos ámbitos da formación e o impulso á literatura e a dramaturxia. Dende hai xa sete anos, a entidade conta cunha escola de teatro, Valle Innova, que desenvolve unha actividade formativa co obxectivo de constituír un grupo estable de arte dramático que, polo momento, veu representando xa numerosas actuacións en distintos puntos de Galicia. Ademais, a Fundación, a través da escola, leva a cabo unha programación anual de representacións teatrais centrada, en cada edición, na obra de Valle-Inclán, que cómpre conmemorar en función das diferentes efemérides vinculadas á súa figura e produción literaria.

Así mesmo, a Fundación Valle-Inclán, dentro da súa vertente editorial, é a responsable da revista Bradomín, na que se publican diferentes artigos e traballos de investigación literaria con afán divulgativo e conmemorativo.

Compartir: