COMERCIO

Nomeados Embaixadores de San Pedro oito establecementos do barrio

03/01/2015 Por seren representativos das boas prácticas comerciais, os representantes serán "Xerarte", "Como pez en el agua", "Librería Pedreira", "El taller de fer", "A balea violeta", "QueroTe", "Émbora" e "Fainoti".

O Concello de Santiago vén de nomear como gañadores do programa "Embaixadores do barrio de San Pedro" a estes oito establecementos que serán os protagonistas, cada un deles, dun vídeo que permita reflectir, a través deles como embaixadores, a excelencia do comercio e da hostalería do barrio. Ademais, cada establecemento gañador terá dispoñible no seu escaparate un cartel dotado de código QR.

En total abranguen actividades en varios sectores como –citados por orde- xeados artesáns, textil infantil artesanía, librería papelería, artesanía en coiro, tenda infantil de roupa e complementos, especialistas en té, floristería e tenda de lás.

O programa ten coma obxectivo resaltar as virtudes, beneficios e atractivos do barrio de San Pedro, un lugar para vivir, traballar, emprender, mercar e divertirse a través do seu comercio e hostalería, para así amosar o seu atractivo á veciñanza de San Pedro, de Compostela, e aos seus turistas e visitantes. Esta iniciativa, incluída no programa Urbana Santiago Norte e financiada pola Unión Europea a través dos FEDER, busca igualmente dar o merecido recoñecemento a aqueles establecementos que, co seu labor, contribúen á mellora da imaxe do barrio e o converten nun lugar de atracción.
A selección realizouse, entre todos os participantes, a través da técnica do "mistery shopping" ou "comprador misterioso". Consiste na visita dunha persoa que, facéndose pasar por un comprador calquera, avaliou o grao de cumprimento das boas prácticas comerciais que se recomendaban no catálogo da convocatoria.

Aqueles establecementos que obtiveron as mellores puntuacións segundo o baremo establecido serán os protagonistas, cada un deles, dun vídeo que permita reflectir, a través deles como embaixadores, a excelencia do comercio e da hostalería do barrio. Os vídeos difundiranse a través da web do barrio de San Pedro.

Ademais, cada establecemento gañador terá dispoñible no seu escaparate un cartel dotado de código QR a través do cal calquera cidadán que pasee polo barrio ou que chegue por primeira vez a Santiago poderá atopar toda a información do proxecto dispoñible na web de San Pedro e coñecer mellor o seu establecemento.

Compartir: