TURISMO

Santiago logra un récord en pernoctacións de viaxeiros estranxeiros nun mes de novembro

28/12/2014 De acordo co INE, a cidade sumou un total de 69.057 pernoctacións en novembro de 2014, un 11,25% más que no mesmo mes do ano anterior. A cidade logra crecer en aloxamento de nacionais e estranxeiros cando ambas cifras sofren caídas no conxunto español.

Os establecementos hoteleiros de Santiago de Compostela rexistraron un récord histórico para un mes de novembro no número de pernoctacións de viaxeiros estranxeiros, superando incluso ao mesmo mes do Ano Santo 2010 e do 2007, os mellores da serie ata agora. As cifras apuntan tamén a unha moi satisfactoria recuperación das pernoctacións dos turistas nacionais.

En total, de acordo cos datos da Enquisa de Ocupación Hoteleira do Instituto Nacional de Estatística, a capital galega sumou en novembro 69.057 noites de aloxamento, un 11,25% máis que no mesmo mes do ano anterior. Desta cifra, 48.013 corresponden a aloxados nacionais, un 8,11% máis que en novembro do 2013, e 21.044 a aloxados estranxeiros, un 19,15% máis que o ano anterior.

Estes datos contrastan cos do conxunto español, no que as pernoctacións en establecementos hoteleiros diminuían un 0,1% en novembro respecto ao mesmo mes do 2013. As porcentaxes de caída son do 2,8% para viaxeiros residentes e 1,8% para non residentes.

Acumulado do 2014
As pernoctacións acumuladas en Santiago de Compostela para os once meses que van do ano 2004 foron de 1.112.564, un 5,74% máis que no mesmo lapso do 2013. Este crecemento é case tres puntos superior ao crecemento acumulado dos primeiros once meses para España, cifrado polo INE nun 2,9%.

Novamente o total provisional do 2014 amosa en Santiago a recuperación das pernoctacións do mercado nacional, cun 4,47% de medra sobre o 2013, e o mantemento do ritmo de crecemento do total de pernoctacións de estranxeiros.

A estancia media de novembro na capital galega foi de 2,0 noites por viaxeiro, que constitúe a mellor dentro do conxunto de Cidades Patrimonio da Humanidade españolas analizadas polo INE, ningunha das cales logra superar as 1,75 noites. No conxunto español a estancia media descendeu un 0,3% respecto ao mesmo mes do ano anterior, situándose en 2,9 noites por viaxeiro.

Documentos relacionados



Compartir: