DEPORTES

O domingo 28 remata o prazo para inscribirse na San Silvestre de Compostela

26/12/2014 Ás 22.00 horas do domingo 28 remata o prazo para participar na segunda edición da San Silvestre de Santiago, unha proba que pretender culminar dunha forma sa e festiva o ano atlético na cidade. A carreira celebrarase o mércores 31 de decembro ás 18.00 horas, cun percorrido renovado e máis atractivo: con saída na Porta dos Leóns da Alameda e chegada na Praza do Obradoiro. Espérase a participación de máis de 1000 atletas, superando os 700 da pasada edición.

A inscrición é gratuíta para os nenos e nenas e ten un prezo de 5 euros para os adultos, agás para os que se inscribiran no circuíto CorreSan, para os que será de balde. Debe formalizarse fisicamente no Multiúsos Fontes do Sar, no Pavillón de Santa Isabel, na área de Deportes do Centro Comercial Compostela ou a través da web www.carreirasgalegas.com.

Santiago de Compostela incorpórase así á tradición destas carreiras para rematar o ano, como acontece con probas como a San Silvestre Vallecana (Madrid). Nesta edición a elección do entorno quere ser unha homenaxe a todos aqueles atletas que ao longo do ano adestran na Alameda e nas rúas da cidade. Nesta ocasión a meirande parte da carreira transcorre polas rúas do Casco Vello, o que lle engade espectacularidade a unha proba xa de por si especial. O remate na praza do Obradoiro é a guinda.

A carreira terá dúas categorías: unha escolar, para os nados entre 2000 e 2005, e outra de adultos, para os nados antes de 1999. Todos partirán dende a Alameda nunha única saída para percorrer uns catro quilómetros co seguinte itinerario: porta dos Leóns, paseo dos Leóns, paseo da Ferradura, paseo central da Alameda, rúa da Senra, praza de Galicia, rúa Fonte de Santo Antonio, Tránsito da Mercé, rúa da Ensinanza, rúa Virxe da Cerca, porta do Camiño, rúa das Casas Reais, praza de Cervantes, rúa Acibechería, rúa San Paio de Antealtares, praza de Feixoo, rúa da Conga, rúa Xelmírez, rúa Nova, praza do Toural, rúa do Vilar, rúa Xelmírez, rúa Fonseca e praza do Obradoiro. O regulamento será o da Federación Galega de Atletismo, encargada igualmente do control técnico da proba.

Compartir: