DEPORTES

O Campus de Fútbol Vero Boquete celebra a súa cuarta edición do 26 ao 28 de decembro

23/12/2014 O Campus de Fútbol Vero Boquete alcanza a cuarta edición. A súa protagonista e a concelleira de Deportes, María Corral, presentaron este campamento en rolda de prensa, que se celebrará do 26 ao 28 de decembro.

Un Nadal máis, este campamento acollerá a nenos e nenas que queiran desenvolver e perfeccionar os fundamentos técnicos e tácticos do fútbol nun marco de compañeirismo, compartindo esta afección con outros deportistas e profesionais do medio.

Tal e como sinalaron tanto a concelleira como a futbolista, non só se trata de ensinar fútbol, senón de "ensinar fútbol dende a igualdade". Boquete e Corral romperon unha lanza polo deporte feminino e sinalaron a importancia de contar con referentes neste ámbito para que sirvan de exemplo ás nenas que se queren iniciar na práctica deportiva. Un exemplo de motivación é este campus, que conta con máis participantes mulleres, un 65% dos inscritos.

Vero Boquete agradeceu ao Concello a súa implicación e mostra do interese que desperta esta iniciativa é que se superan os cen inscritos para esta cuarta edición.

O Campus celebrarase nas instalacións municipais de Santa Isabel, As Cancelas e Sergas, no C.X. Don Bosco e no Colexio La Salle. Durante os tres días, haberá dous adestramentos de hora e media cada un en xornada de mañá. Na última xornada haberá unha comida de convivencia e unha xornada de tempo libre. Ademais o atleta compostelán visitará os rapaces o última día, así como un xogador de primeira división, cuxo nome é sorpresa.

A actividade está complementada por outras modalidades deportivas e unha xornada de lecer. Nesta ocasión e ante a demanda detectada, ampliouse o rango de idades, aceptándose participantes entre os 6 e os 18 anos. Haberá dúas modalidades: fútbol sala para os rapaces e rapazas de 6 e 7 anos e fútbol para os de 8 a 18.

Compartir: