ALCALDÍA

Compostela rende homenaxe a un dos seus fillos ilustres, Montero Ríos

23/12/2014 A praza de Mazarelos acolleu a ofrenda-homenaxe que a cidade lle quixo rendir a un dos seus fillos ilustres, como salientou o alcalde, que presidiu o acto. Foi un acto conxunto de entidades e institucións representativas de Santiago que acordaron conmemorar o cabodano centenario de Montero Ríos co obxecto de difundir entre a cidadanía a súa vida e obra.

Agustín Hernández considerouno un acto "de xustiza" e definiu a Montero Ríos coma un "defensor e benfeitor da cidade desde as máis altas instancias da vida política e social de España no tránsito do século XIX ao XX.". En verbas do alcalde "trátase de poñer en valor o reflexo dunha actitude e dunha vontade dun político que quixo engrandecer a súa terra e a súa cidade. Un labor que fixo perceptible a acción dun Goberno central afastado no plano físico e, case sempre tamén, no plano institucional".

Montero Ríos aglutinou cargos coma o de deputado, senador; ministro de Fomento, ministro de Graza e Xustiza, presidente do Tribunal Supremo e da Academia de Xurisprudencia e Lexislación, presidente do Senado… ata chegar á presidencia do Goberno de España. Foi ademais de académico da Historia, das Ciencias Morais e Políticas e acadou multitude de títulos honoríficos, incluído o Toisón de Ouro en 1895. Foi, sen lugar a dúbidas, unha das persoas máis populares, representativas e intelixentes do seu tempo, que participou en momentos cruciais representando a España como na sinatura do Tratado de París cos Estados Unidos, despois do desastre do 98 e a perda das últimas colonias.

Desde a súa posición de privilexio, Montero Ríos nunca esqueceu a súa terra e aquela cidade que o vira nacer nunha modesta vivenda da rúa dos Xasmíns. Para iso, empregou os recursos políticos do seu tempo e cumpriu un papel fundamental no crecemento e na evolución urbanística da cidade.

Puxo os alicerces da primeira gran transformación civil da cidade, recuperando a actividade construtora das grandes obras ligadas á Igrexa, que se interrompira a finais do século XVIII co remate do Pazo de Raxoi. Baixo a súa impronta desenvolveuse un período de expansión arquitectónica, educativa e social, que non tería parangón ata a chegada do período autonómico e a actividade conxunta das institucións públicas arredor do Consorcio de Santiago.

Durante varias décadas, Santiago –a súa universidade, as asociacións profesionais e boa parte da clase política- foi, por riba de ideoloxías, maioritariamente "monteirista", seguidora e defensora do político que desde Madrid protexía a cidade e apoiaba e impulsaba as súas demandas.

E el soubo corresponder á súa cidade con obras emblemáticas que, pasado o tempo, xa poucos relacionan con el. Velaí están:
 A reforma do antigo edificio da Universidade, que hoxe acolle á Facultade de Xeografía e Historiaco seu paraninfo, a sala de profesores e a biblioteca.
 A Escola de Veterinaria, despois Cuartel e hoxe sede do Parlamento
 O Colexio de Xordoumudos e cegos, que foi cuartel, hospital militar, instituto e hoxe edificio da Xunta de Galicia
 A Facultade de Medicina á beira de San Francisco.
 E tamén tivo un papel moi activo na Exposición Rexional Galega en 1909, que se celebrou en Santiago coincidindo co Ano Santo e que deixou para o patrimonio municipal obras de mérito que, con algunhas modificacións, aínda se conservan hoxe.
É o caso da escaleira de acceso á alameda desde o campus sur, o quiosco da música ou o pavillón, obra de Antonio Palacios, na entrada da Paseo da Ferradura. Pero, sobre todo, trouxo consigo a apertura urbanística da cidade cara ao sur, onde anos despois se construiría a residencia universitaria.

Todo este conxunto de realizacións, que traerían como consecuencia tamén un desenvolvemento económico e social, iniciarían a transformación urbana da cidade en todas as direccións e sobre elas cimentariase o recoñecemento posterior de Santiago como patromonio nacional e mundial en anos posteriores.

Agustín Hernández salientou así mesmo que "a súa personalidade e, sobre todo, a súa pegada política quedará para sempre nunha cidade que lle dedicou estatua e rúa, aínda que o monumento e a lembranza maior queda no conxunto de obras que certifican o seu amor e a súa preocupación por esta cidade. Só por iso, Santiago ten unha débeda de gratitude á súa persoa".

Compartir: