DÍA DA ÁRBORE

Estudantes composteláns plantan árbores no Parque de Eugenio Granell

07/04/2005 Arredor de 150 rapaces de entre 4 e 12 anos de idade participaron na plantación de árbores que tivo lugar no Parque de Eugenio Granell, sito no Restollal, con motivo da conmemoración do Día da árbore e do Día Mundial da auga, celebrados os pasados 21 e 22 de marzo, respectivamente.

Estudantes dos Colexios Lamas de Abade e Ramón Cabanillas celebraron, xunto co Alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, a concelleira de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano, e o voceiro do Grupo Popular, Dositeo Rodríguez, entre outros, a tradicional plantación de árbores, que este ano se pospuxo debido á coincidencia do Día da árbore e o Día Mundial da Auga coas festividades da Semana Santa, e polo tanto con vacacións nos centros de ensino.

No acto, organizado polos departamentos de Parques e Xardíns e Educación, e patrocinado polas empresas concesionarias dos servicios de abastecemento de augas e mantemento de parques e xardíns, Aquagest e Cespasa, respectivamente, procedeuse á plantación dun total de 276 árbores, entre os cales había ameneiros, bidueiros, freixos, cereixos silvestres e carballos. Todas estas especies son especialmente axeitadas para o lugar do parque escollido para a súa plantación (detrás do Instituto de Pontepedriña) polo seu carácter de vexetación de ribeira.

No transcurso desta actividade inaugurouse unha fonte ornamental con iluminación nouturna que aproveita o caudal dos manantiais da zona, e descubríronse unhas placas informativas instaladas no parque e que conterán tanto información sobre o propio parque, dedicado a Eugenio Granell, como datos sobre as especies que poden contemplarse.

Compartir: