TURISMO

Turismo de Santiago invita aos composteláns a redescubrir gratuitamente a súa cidade

07/09/2006 O 27 de setembro celébrase o Día Mundial do Turismo. Con motivo deste evento, Turismo de Santiago convida de novo a todos os composteláns a redescubrir a súa cidade a través da campaña "Vivir Compostela". Esta iniciativa permitirá aos veciños de Santiago achegarse á súa cidade e percibila dun xeito diferente, e todo dun xeito gratuíto.

"A campaña trata de sensibilizar á cidadanía de Santiago co turismo e facela partícipe del", apunta Francisco Candela. Para iso, os composteláns poderán participar durante o mes de outubro en diversas visitas guiadas, que os levarán a descubrir a arquitectura contemporánea, os conventos de clausura, as cubertas da Catedral ou o patrimonio histórico da Universidade. Tamén están previstos percorridos no tren turístico, visitas con audioguía dixital e excursións a Fisterra e aos canóns do Sil.

Para solicitar as visitas e excursións, os interesados deben porse en contacto coa Secretaría Técnica de Reservas "Vivir Compostela 2006", no teléfono 981 59 23 33 e no correo electrónico comercial@ trevisani.es.

Foro de turismo urbano e cultural

Na presentación deste programa de visitas, Francisco Candela tamén anunciou a celebración en Santiago, do 27 ao 29 de setembro, do Foro Profesional de Turismo Urbano e Cultural. Responsables técnicos e cargos electos de planificación e turismo de corporacións locais, oficinas de turismo e entidades de promoción turística participarán neste evento, que se desenvolverá no Centro de Estudios Avanzados, na Finca Vistalegre.

Agárdanse preto de 100 participantes nestas xornadas, que pretenden impulsar "a creación dun foro permanente de turismo urbano e cultural que teña sede en Santiago", segundo apuntou o concelleiro. En Santiago falarase de cuestións como as interrelacións entre ámbolos tipos de turismo, as ferramentas de comunicación para a promoción destes destinos turísticos ou os modelos de xestión da súa oferta cultural

Compartir: